28M | Rafa Domínguez (PP): "O modelo Lores 1999 cómproo. Non toco nin unha coma. O de Raíña Vitoria non"
Para Rafa Domínguez este será o seu segundo intento para ser alcalde da súa cidade. "Teño moita ilusión por conseguilo", recoñece. Hai catro anos quedou lonxe dese obxectivo, pero superou as expectativas. Agora afronta esta nova cita coas urnas desde unha perspectiva diferente.
"Pontevedra necesita un cambio. Créoo de verdade", sostén o candidato do PP, ao que só lle vale a maioría absoluta para derrocar a un alcalde "esgotado". Fronte a el, Domínguez defende un proxecto "solvente e ilusionante" para dar un "novo impulso" á cidade.
En que cambiou Rafa Domínguez nestes catro anos?
A min custoume moito tomar a decisión de presentarme, pero entendín que debía facelo. Pero as eleccións foron xusto un mes despois do peor resultado do PP en toda a súa historia e iso pesou moito. Aínda así, melloramos os resultados e iso serviunos de forza para este mandato, que foi moi produtivo. Agora somos alternativa de goberno. Temos un proxecto ilusionante.
Como definirías este último mandato?
Foron catro anos moi complicados coa pandemia. A xente esqueceuse xa do que vivimos. Pero as nosas expectativas son boas. Temos máis coñecementos, capacidade de traballo e ideas. Os pontevedreses só teñen dúas alternativas serias. A outra é un alcalde esgotado. Non pola idade, senón porque leva moito tempo no mesmo sitio e xa non ten ideas.
Ves que tes opcións entón?
Eu teño moita ilusión por ser alcalde da miña cidade e por impulsar o que visualizo desde hai moito tempo. Quero manter o bo de Lores, as luces que houbo nos primeiros anos, e quitar as sombras desta última etapa. Pontevedra necesita un cambio. Créoo de verdade.
Fixeches poucos cambios no equipo que te acompaña, por que?
Historicamente, o PP de Pontevedra era coñecido polos seus balbordos e pelexas internas, incluso algunhas públicas e desagradables. Pero agora vese unidade, traballamos coordinadamente. Con este equipo tiven moita sorte, pero si que incorporei a xente nova e con ganas. Sei exactamente que vai facer cada un cando entremos no concello.
Entrando xa en materia, como ves a Pontevedra actual?
Vexo nela luces e sombras. É unha cidade preciosa, marabillosa. A remodelación que comezou hai 24 anos foi moi positiva para a cidade. Pero cada vez pesan máis as cousas negativas. Hai que darlle un novo impulso a Pontevedra. Estamos en disposición de ser esa alternativa que necesita a cidade e creo que os pontevedreses nos confiarán esa responsabilidade.
E que crees entón que lle falta a Pontevedra?
Organización e traballo. Sen un PXOM, sen ampliar o polígono industrial, sen atraer empresas, debendo tres anualidades aos clubs deportivos ou botando aos mozos non podemos organizar a cidade. Falta traballo, faltan ganas, falta diálogo e falta relevo.
Sostés que te gusta o modelo urbano, pero aprecias nel aspectos negativos. Que cambiarías se chegas a ser alcade?
"É falso que o PP queira coches na Ferrería ou en Michelena. Dio o alcalde porque o único que teñen para vender é o modelo dos últimos anos"
Mira, é falso que o PP queira coches na Ferrería ou en Michelena. Dio o alcalde porque o único que teñen para vender é o modelo dos últimos anos. O que queremos é melloralo. Dígoo claramente. O modelo de Lores en 1999 cómproo, o de Raíña Vitoria non. El quere facer moitas 'raíñas vitorias' en Pontevedra. Eu iso véxoo mal.
Cando dis que reabrirás Raíña Vitoria, entendes que haxa quen pense que darás marcha atrás a máis ámbitos humanizados?
Estou a favor de como está Michelena, Peregrina ou o centro histórico. Non toco nin unha coma. Pero estou en contra de pechar a ponte da Barca ou Eduardo Pondal. Pechando Raíña Vitoria convidas a que a xente de fóra non veña. O tráfico é necesario. Nós propoñemos que sexa periférico, que se aparque fóra e que haxa unha rede de transporte gratuíto para ir ao centro.
Que te parece que o PSOE propoña agora reabrila?
É unha falta de respecto aos cidadáns. Perdes toda credibilidade se durante catro anos fas unha cousa e agora prometes outra. Sobre todo cando son cousas que o PP levou a pleno e que votaches en contra reiteradamente. Eu se agora prometese que mantería pechada Raíña Vitoria, iría á miña casa. Tería que dimitir inmediatamente.
Son as parroquias e os barrios os puntos negros do modelo actual?
Absolutamente. Están abandonados e castigados. Só hai que ver como está A Seca, Monte Porreiro, Campolongo, A Parda ou Mollavao. En decadencia. E é unha pena que non se lles dea ás parroquias o lugar que se merecen. Alí, os cidadáns son de primeira para pagar impostos, pero son de terceira cando se trata de ter servizos. Iso non pode suceder.
Nos próximos anos será moi importante o compoñente verde das cidades. Cal é a posición do PP nesta materia?
É fundamental abrir Pontevedra á ría. Se nos fixamos noutras cidades, integran o mar na cidade. Aquí, por motivos históricos, vivimos de costas ao mar. Todos somos responsables diso. Hai que mellorar toda esa contorna, as praias fluviais e o río Gafos. O proxecto para destapalo na súa totalidade debe ser prioritario. Temos moitas posibilidades.
"Se nos fixamos noutras cidades, integran o mar na cidade. Aquí, por motivos históricos, vivimos de costas ao mar. Todos somos responsables diso"
Que áreas de xestión gustaríache priorizar?
Os servizos sociais. Acumulan atrasos intolerables. Non podes ser un bo alcalde se non te preocupas polos que menos teñen. Hai que apoiar máis ao deporte de base, deseñar a Pontevedra de futuro cun PXOM, poñer en valor o centro histórico ou mellorar a limpeza.
E o emprego, non?
Esa é unha máxima fundamental. As empresa só virán se falas con elas e poslles facilidades. E Pontevedra ten todas as condicións para atraer nómades dixitais ou empresas tecnolóxicas. Pero uno dos proxectos que máis me ilusionan é o da universidade no Hospital Provincial. Sería boísimo para dinamizar a cidade.
Con respecto a Santa Clara, apoiaches a súa compra por parte do Concello pero fuches moi crítico coa xestión posterior, por que?
É que perdemos a capacidade que tiñamos de decidir que facer con Santa Clara. Agora é da deputación. Está ben compralo, pero tiñamos que asinar un convenio de colaboración. Que seguise sendo de todos os pontevedreses. Perdemos a súa propiedade e, por agora, non se fixo nada. Todo é propaganda.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Por simbolismo, abrir Raíña Vitoria.
A vida de Rafa Domínguez (Pontevedra, 1976) sempre estivo encamiñado cara á medicina, que exerce no hospital que fundou a súa familia. Posuidor dunha ampla colección de cómics, asegura que sempre busca o lado bo das cousas. Está casado e ten un fillo.
Cal dirías que foi o momento máis feliz da túa vida?: Cando naceu o meu fillo.
E o que te cambiou por completo?: O día que entrei en política. Aínda que son un animal político desde neno. Escoitaba os faladoiros na radio.
Estrañas algo da túa infancia?: Tiven unha infancia moi feliz. Recórdoa con moito agarimo. Quizá estraño a liberdade e o gozar todo moito máis.
Unha viaxe que te marcara: Gústame moito viaxar. Unha coa miña muller polas illas gregas.
Cal foi o mellor consello que che deron?: Que goce da vida. Cada momento.
Unha rutina ou hábito que te manteña enfocado: O deporte, aínda que ultimamente non teño tempo. E a lectura. É das cousas que me centra.
E un lugar para desconectar do mundo?: A praia de Area de Bon, en Bueu.
Cal dirías que foi o maior desafío que lograches superar?: Espero, dentro dun mes, dicirche que ser alcalde. Por agora, aprobar a carreira e facer a miña especialidade.
A que tes medo?: Non teño medo a nada.
Se non vivises en Pontevedra, onde crees que o farías?: Gústame Madrid, pero non ten mar. Para min é imprescindible. Diría Valencia ou algunha outra cidade do Mediterráneo.
Que afeccións tes?: Ultimamente estar na casa coa miña muller e co meu fillo. Ver algunha serie, saír a tomar algo, encántame ler e apaixónanme os cómics.
Recoméndanos un libro: O último de Joël Dicker, O caso Alaska Sanders.
E unha película?: Son moi cinéfilo. Pero vexo moitas series. Friends é unha das que máis me gustou. Agora estou ao día con Succession. E outra que acabo de ver de novo, El ala oeste de la Casa Blanca.
Cociñas ou prefires que te cociñen?: Cociño o xusto para sobrevivir. Non son cocinitas.
Que sitio recomendarías para comer?: O Barullo.
Relacionadas:
-
Domínguez apela á "unidade de voto" arredor do PP para lograr o "cambio que Pontevedra necesita"
Por Redacción |
-
"Monte Porreiro tamén é Pontevedra", reivindica Alfonso Rueda, que arroupa a Rafa Domínguez no barrio
Por Alejandro Espiño |
-
VÍDEO.- Así é o proxecto de Rafa Domínguez para abrir a cidade á ría
Por Redacción |
-
O Hospital Provincial, no programa de Rafa Domínguez: en clave universitaria, con tres novas titulacións e unha residencia
Por Natalia Puga |
-
Paseo relaxado de Feijóo por Pontevedra: "A mí aún no me toca el examen, a mí me tocará después"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez comprométese a recibir a todos os cidadáns que o soliciten no despacho da Alcaldía
Por Oskar Viéitez |
-
Borja Sémper regresa a Pontevedra para arroupar a Rafa Domínguez: "Con él como alcalde tendréis un futuro mejor"
Por Alejandro Espiño |