"A cidade é a pegada", a exposición que ofrece un "poema visual" sobre a Pontevedra pasada, presente e futura

Pontevedra
15 de decembro 2022

Ata o próximo 22 de marzo, a sala de exposicións do Pazo da Cultura vestirá as súas mellores galas para acoller a mostra "A cidade é a pegada", que segundo os seus responsables é un "poema visual" sobre a cidade de Pontevedra e os seus habitantes

Exposición "A cidade é a pegada" no Pazo da Cultura
Exposición "A cidade é a pegada" no Pazo da Cultura / Mónica Patxot

Ata o próximo 22 de marzo, a sala de exposicións do Pazo da Cultura vestirá as súas mellores galas para acoller a mostra "A cidade é a pegada", que segundo os seus responsables é un "poema visual" sobre a cidade de Pontevedra e os seus habitantes.

A inauguración oficial será esta mesma tarde, ás 20:30 horas. Previamente, a 'madriña' desta exposición, a actriz Charo López, ofrecerá un recital poético con fragmentos de Los gozos y las sombras, cuxa adaptación a televisión -con ela como protagonista- rodouse na Boa Vila.

Alfredo Olmedo, comisario da exposición, destacou o "clima dramático" que se buscou para ambientar esta mostra, de forma que o público "concentre a súa vista nas pezas". A iso axuda a nova iluminación da sala, completamente renovada.

"Aquí conviven imaxes do pasado, do presente e do futuro", resumiu Olmedo, que explicou a intención de facer "algo moito máis dinámico" que outras mostras similares, con vídeos ou sons cos que os visitantes poden interactuar.

Todo iso, engadiu o responsable da mostra, utilizando unha "ironía sutil e elegante", un enfoque cinematográfico e a visión da infancia para relacionar todas as pezas que se expoñen, preto de 500 entre fotografías, pinturas ou esculturas.

"A cidade é a pegada" distribúe todo o seu contido en catro áreas: o río Lérez, personaxes de Pontevedra, a infancia e arquitectura e urbanismo, repartidas por toda a sala de exposicións.

A primeira, situada á entrada do recinto -polo cubo exterior do Pazo-, é a dedicada ao río e que, segundo Alfredo Olmedo, "é un canto á natureza e a un lugar privilexiado".

Nela, entre outras pezas, expóñense dúas canoas históricas cedidas polo Club Naval, pinturas ao óleo sobre a vida fluvial que proceden do Museo de Pontevedra, os planos orixinais da ponte da Barca, fotografías antigas ou un herbario con especies autóctonas do Lérez.

Trinta e cinco homes e mulleres que "pola súa forma de ser, de actuar ou de facer" deixaron en Pontevedra unha "pegada indeleble" reúnense no segundo dos espazos, dedicado a personaxes da cidade e que estivo coordinado pola escritora Milagros Bará.

Son persoas que, segundo esta responsable da mostra, "cambiaron o rumbo da nosa historia e que aínda ecoan na memoria colectiva de Pontevedra", procedentes da literatura, a empresa, a política, as ciencias, a arte ou o deporte, entre outras áreas. 

A infancia ocupa a terceira das salas, ofrecendo unhas oitenta fotografas que rexistran "momentos singulares" na cidade, cos xogos e o deporte como nexo de unión, que supoñen "tesouros moi íntimos, espontáneos ou clandestinos", sinalou Norberto Olmedo.

A exposición termina co espazo dedicado á arquitectura e o urbanismo, coordinado por Vicente Pillado e Alberto Reiriz de NAN Arquitectos, que mostra "de onde vimos e cal foi o percorrido ata chegar aquí", desde o punto de vista de concepción da cidade.

Alí móstrase planos e maquetas de diversos espazos, moitos deles descoñecidos ata o de agora, entre eles o pavillón de deportes, o mercado de abastos, o depósito de auga de San Amaro, os pavillóns militares de Campolongo ou a barriada de San Antoniño.

Este espazo complétase cun panel que reúne fotografías de elementos urbanísticos destacados da cidade ou imaxes cedidas por Diario de Pontevedra que mostran a evolución que tivo Pontevedra desde o punto de vista urbanístico.