ARCOmadrid, testemuña de excepción para a presentación da Bienal de Arte de Pontevedra

Pontevedra
08 de marzo 2025
Actualizado: 26 de maio

A edición número 32 da Bienal de Pontevedra, organizada pola Deputación a través do Museo de Pontevedra, celebrarase do 21 de xuño ao 30 de setembro. ARCOmadrid acolleu a súa presentación

Presentación da Bienal de Arte de Pontevedra en ARCOmadrid Deputación de Pontevedra

Ata ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea de España, chegaron os ecos do esperado regreso da Bienal de Arte de Pontevedra que, trinta e cinco anos despois, ultima os detalles da que será a súa edición número 32.

"Consideramos que pagaba a pena recuperala para consolidarnos como puntal cultural de Galicia, de España e do mundo", subliñou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, no marco da presentación da bienal en Madrid.

Neste ámbito, Domínguez explicou que o contexto actual, no que aprecia un "interese renovado" pola arte e a cultura como motores de desenvolvemento social e económico, "é o momento perfecto para devolver este acontecemento a Pontevedra".

Así, coa intención de ser un gran referente no circuíto cultural, a Bienal de Pontevedra atraerá expertos, coleccionistas, críticos e artistas internacionais "que contribuirán a difundir a nosa identidade" cunha programación que mostrará as tendencias globais da arte contemporánea.

O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia van colaborar no regreso da bienal e os seus representantes tamén quixeron estar na presentación en ARCOmadrid.

Demetrio Gómez, edil de Cultura, explicou como se está a preparar a cidade para acoller un evento que se vai desenvolver durante máis de tres meses e que vai transformar Pontevedra durante todo o período estival.

Pola súa banda, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo centrou a súa intervención en expoñer o valor que a bienal terá para a proxección cultural de Galicia.

A parte central do acto foi unha conversa da artista pontevedresa Marta Pazos co comisario da bienal, Antón Castro, e co responsable do programa de artes vivas, Iñaki Martínez Antelo.

Na súa presentación, Pazos puxo en valor que a bienal más antiga de España volva cunha proposta "ambiciosa e necesaria", destacando que nun mundo fracturado polos conflitos, "invítanos a un exercicio colectivo de reflexión, empatía e imaxinación a través da arte".

Castro defendeu como ese obxectivo marcado desde o lema desta edición, "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais", se fai explícito nunha selección de artistas e obras que abordan a cuestión dos conflitos bélicos e a necesidade dunha resposta de esperanza.

Moitos dos e das artistas que estarán na bienal teñen obra exposta nesta edición de ARCOmadrid, e varios asistiron á presentación, como Manuel Casimiro, Almudena Fernández Fariña, Carmen Hermo, Norberto Olmedo, Dagoberto Rodríguez ou Iodia Cuesta.

Presentación da Bienal de Arte de Pontevedra en ARCOmadridDeputación de Pontevedra

A edición número 32 da Bienal de Pontevedra, organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, celebrarase do 21 de xuño ao 30 de setembro.

Terá o Museo como epicentro e estenderase pola cidade, albergando nas súas prazas, fachadas e edificios emblemáticos as obras de máis de sesenta artistas internacionais, convertendo a Boa Vila nun escenario de reflexión, debate e celebración da cultura contemporánea.

A través de temas como a guerra e a paz, as migracións e exilios, a imaxinación e a escuridade e a espiritualidade e a utopía, a mostra busca reflexionar sobre o que nos fai humanos.

Analizando o impacto de conflitos actuais en Ucraína, Gaza, Líbano e outros menos coñecidos en lugares como Sudán, Malí ou Nixeria, a Bienal animará o público a pensar sobre a importancia de conectar coa dor allea e a profundar na empatía e en nosa propia humanidade a través da arte.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en