As Núbebes resplandecen de novo no Teatro Principal

Pontevedra
26 de febreiro 2023

O Festival das Núbebes inaugurábase este domingo 26 coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores entre o público. Esta proposta escénica e musical para o público máis cativo volve acadar un notable éxito 

Andrea Bayer na inauguración do Festival das Núbebes 2023 Concello de Pontevedra

As familias retornaron este domingo a unha das citas máis esperadas, o Festival das Núbebes, unha iniciativa de Baobab Teatro, grupo liderado pola pontevedresa Andrea Bayer, con propostas escénicas destinadas a bebés e ás familias.

Tras a paréntese determinada pola pandemia, este 26 de febreiro o Teatro Principal volvía encherse dos sorrisos máis novos coa edición número nove deste Festival. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acudía á inauguración afirmando que sentía "alegría a esgalla" e consideraba "emocionante e fermoso" ver o recinto teatral cheo de familias nesta iniciativa impulsada pola Concellería de Cultura de Pontevedra.

No escenario, o coñecido Roque facía as delicias do público infantil durante a sesión matinal. Xa durante a tarde, a compañía Baobab Teatro estreaba o espectáculo 'Palabras', mentres que na Casa das Campás, Soledad Felloza ofrecía 'A viaxe de Lup' con contos e marionetas. 

Tamén nesta xornada inicial a sala multiusos do Teatro Principal acollía 'O son que me arrola', da Asociación socioeducativa Antonio Gandoy, un espectáculo de música. 

A actividade continuará o venres 3, o sábado 4 e o domingo 5 cunha programación chea de teatro, música e sorpresas. As entradas para todos os espectáculos están dispoñibles en ataquilla.com