As Rías Baixas recuperan os seus festivais

Pontevedra
29 de xuño 2021

A Deputación presenta o Rías Baixas Fest do 2021 que comezará o 12 de xullo coa primeira xornada do Atlantic Fest en Vilagarcía e rematará o 13 de setembro coa última sesión do Revenidas. Entre medias celebrarase o Son Rías en Bueu, o Sinsal en Redondela, o Vive Nigrán e o Marisquiño en Vigo. O décimo aniversario de Portamérica, en Caldas, terá que pospoñerse ao 2022

Presentación da edición 2021 dos festivais Rias Baixas Fest Mónica Patxot.

Os xardíns do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleron este martes a presentación da edición do 2021 do Rías Baixas Fest, un programa cultural que engloba aos sete festivais de verán que se realizan en diferentes concellos da provincia e que, despois dun 2020 no que a pandemia impediu a súa celebración con normalidade, regresan para recuperar a " ledicia" tanto da industria musical galega como de todos os asistentes.

O pano festivalero levantarase o 12 de xullo co inicio do Atlantic Fest en Vilagarcía. Ata o 24 de xullo actuarán no recinto arousán artistas da talla de Zahara, Sodinbie, Lorie Meyers, A habitación vermella, Dorian ou Ortiga, entre moitos outros.

De forma paralela, na ría de Vigo celebrarase o Vive Nigrán entre o 15 e o 17 de xullo, mes que se pechará en Redondela coa celebración do Sinsal desde o día 23 ao 25.

En agosto, Bueu recupera, despois do parón pola pandemia, a celebración do Sonrías. Entre o 3 e o 8 de agosto actuarán no municipio morracense artistas como Kase O, La Pegatina, Sés ou A M.O.D.A. Do 6 ao 8, en Vigo, celebrarase unha nova edición do Marisquiño

Xa no mes de setembro, para despedir o verán, Vilaxoán acollerá unha nova edición do festival Revenidas do 9 ao 13.

No calendario só falta o festival Portamérica de Caldas de Reis, cuxos organizadores estudan aínda a posibilidade de realizar algún tipo de celebración que permita manter o espírito dun evento que axunta música, gastronomía e natureza. Con todo, non será ata o ano 2022 cando se celebre, se a situación o  permite, con plena normalidade o seu décimo aniversario, aprazado no 2020 pola pandemia.

A nova cantautora Leticia Rey foi a encargada de poñer a nota musical á presentación destes festivais que suman xa cinco anos baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra e de márcaa Rías Baixas Fest.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse moi "emocionada" por poder presentar, despois dun ano 2020 "horrible", o calendario de festivais deste verán. Despois de agradecer aos actores da industria musical pontevedresa "a gran idea" de englobar nun só produto todos os festivais que se fan na provincia, Silva, felicitounos pola súa "capacidade de reinventarse" e porque este tipo de eventos contribúen a potenciar a "cultura, música, gastronomía e ou territorio".