A biblioteca municipal Luís Seoane, de Soutomaior, celebra o Día das Persoas Usuarias das Bibliotecas, que se conmemora o 11 de xaneiro, coa posta en marcha do Primeiro Desafío Lector.
A iniciativa bota a andar este luns e prolongarase ata o 11 de decembro, convertendo todo o ano nun gran xogo arredor dos libros.
O reto nace co obxectivo de fomentar o hábito lector de maneira continuada, animando a descubrir novos autores, xéneros e temáticas, ao tempo que se mellora a comprensión lectora e se estimula o pensamento crítico e a creatividade.
A proposta está pensada para todas as idades, desde a primeira infancia ata as persoas adultas, que deberán ler libros de distintos formatos e contidos para completar con éxito o taboleiro do desafío.
Para participar é preciso inscribirse en liña entre o 12 de xaneiro e o 12 de novembro a través da web municipal e achegarse á biblioteca para recoller o taboleiro de xogo e comezar co primeiro préstamo.
Poderán sumarse todas as persoas que conten co carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, organizadas en diferentes categorías segundo a idade.
O 11 de xaneiro de 2027, pola tarde, celebrarase un sorteo no que as persoas participantes optarán a tabletas, xogos de mesa e lotes de libros.
Ademais, o Concello mantén unha iniciativa xa consolidada como é o recoñecemento ás persoas máis lectoras do municipio.
Na categoría infantil-xuvenil, o premio consiste nun lote de material de papelería e xogos de mesa, mentres que na modalidade de persoas adultas o agasallo é unha cesta de produtos locais elaborados en Soutomaior.
No ano 2025, o título de persoa máis lectora infantil-xuvenil foi para Noel Castro Lemos, con nada menos que 298 préstamos, mentres que na categoría de persoas adultas a gañadora foi María Milagros Sobral Fernández, cun total de 66 préstamos.
A biblioteca municipal Luís Seoane vén de pechar o 2025 con cifras moi positivas.
Ao longo do ano expedíronse 207 carnés novos (75 infantís, 18 xuvenís e 114 de persoas adultas) e realizáronse 12.070 préstamos, fronte aos 11.063 do ano anterior.
Isto supón un incremento do 13 % en novas persoas usuarias e un aumento do 9 % nos préstamos, superando xa as 3.686 persoas inscritas.