A Bienal de Arte de Pontevedra pechou a súa 32ª edición cun amplo respaldo cidadán, segundo destacaron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o vicepresidente e responsable do Museo provincial, Rafa Domínguez, durante o acto de balance celebrado este luns no claustro do Edificio Castelao.
Segundo os datos presentados, un total de 125.220 persoas visitaron as sedes da Bienal durante as súas 102 días de duración, o que supón "un éxito rotundo" en palabras do presidente provincial. Ademais, un estudo encargado pola Deputación reflicte que o 85 % da cidadanía pontevedresa apoia a celebración de futuras edicións.
"A Bienal volveu para quedar. Xa estamos a traballar na Bienal de 2027", asegurou López, quen avanzou que en novembro se abrirá o proceso para seleccionar aos comisarios da próxima edición.
Os responsables provinciais destacaron que, máis aló das cifras de visitantes, o evento tivo un impacto significativo tanto no ámbito cultural como no económico. A programación atraeu público a toda a provincia e mobilizou tanto ao tecido cultural como ao comercial e hostaleiro.
O vicepresidente Domínguez ofreceu os datos de participación nas actividades paralelas da Bienal. Segundo detallou, o ciclo de 'Artes Vivas' reuniu a 1.906 persoas, as proxeccións de 'Cine, Arte e Guerra' tiveron 157 espectadores, as 'Conversas con Artistas' congregaron a 398 asistentes e realizáronse 75 visitas guiadas que achegaron o contido da Bienal a 1.718 persoas. Os talleres e actividades educativas contaron con 293 participantes.
Domínguez destacou que este evento "se converte no maior proxecto cultural xamais organizado en Pontevedra", subliñando o impacto non só artístico, senón tamén económico e turístico.
O custo da Bienal ascendeu a 1,8 millóns de euros.
Un dos aspectos máis valorados pola organización e o público foi o enfoque temático da Bienal, que baixo a lema "Volver ser humanos. Ante a dor dos demais", reflexionou sobre os conflitos bélicos e a humanidade fronte ao sufrimento.
"O Museo de Pontevedra está a vivir un dos seus mellores momentos", afirmou Luís López, quen destacou o papel de exposicións como A era das fábulas, centrada na intelixencia natural fronte ao avance tecnolóxico, ou a próxima chegada desde Arxentina do cadro "A derradeira lección do mestre", de Castelao, como exemplo do compromiso social da arte.
Tanto López como Domínguez atribuíron o éxito do evento ao traballo conxunto de institucións, comisarios, equipo técnico do museo e artistas participantes.
A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, tamén participou na comparecencia, que pechou asegurando que a Bienal non termina aquí.
A Deputación márcase agora como obxectivo consolidar a Bienal de Pontevedra como un dos grandes referentes culturais de Galicia e de España. "O éxito desta Bienal quedará pequeno cando fagamos balance da de 2027", concluíu Luís López.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.