A Bienal, na busca de novos comisarios para un 2027 no que abrirá sede en Vigo

Pontevedra
03 de febreiro 2026

A edición de 2027, que será a número 33 do certame, desenvolverase de maio a agosto, empregando como sedes os edificios do Museo de Pontevedra e incorporando unha sede en Vigo

Inauguración oficial da 32ª Bienal de Arte de Pontevedra

Os impulsores da Bienal de Arte de Pontevedra xa están traballando na súa próxima edición, que chegará chea de novidades, entre elas a extensión do certame a Vigo. 

Así o avanzaron tanto o Museo de Pontevedra como a Deputación de Pontevedra, que confirmaron que xa activaron o concurso público para elixir o equipo de comisarios que estarán á fronte da súa edición número 33, que se desenvolverá entre maio e agosto de 2027.

Poderán presentarse ao concurso profesionais ou equipos con demostrada experiencia no deseño e desenvolvemento de proxectos expositivos ao longo dos últimos quince anos, así como unha traxectoria mínima de dez anos no comisariado de bienais de arte contemporánea. 

As candidaturas poderán presentarse ata próximo 24 de febreiro.

O equipo seleccionado será responsable de definir e articular o concepto central da exposición, seleccionar artistas e obras e construír unha narrativa curatorial sólida e coherente. 

O concurso establece un premio de ata 10.000 euros para a proposta gañadora, que se integrará como anticipo dos honorarios profesionais, próximos aos 60.400 euros.

O xurado estará integrado por Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, xunto con dous perfís externos de especial relevancia no panorama artístico contemporáneo. 

Rafa Domínguez, que como vicepresidente provincial é o responsable político da Bienal de Pontevedra, subliñou que con este trámite "damos un paso moi importante para a proxección da bienal a medio e longo prazo", un evento que ve "estrutural" na política cultural da Deputación.

Unha característica da próxima edición é que se reducirá o número de sedes. As principais serán os edificios do Museo de Pontevedra: o Edificio Castelao, o Edificio Sarmiento, a igrexa de Santa Clara e as ruínas de San Domingos.

Como novidade, incorporarase unha sede en Vigo: a sala de exposicións da Sede Afundación.

A próxima bienal, que arrancará xa antes do verán, engadiu Domínguez, apostará por un modelo "máis sostible e conectado co tecido cultural, coa programación museística e coa cidadanía".

O obxectivo é estender a súa influencia máis alá dun período concreto do ano e reforzar o seu papel "como espazo de creación, reflexión e encontro", salientou o vicepresidente.