A Bienal presenta a imaxe coa que se proxecta como un evento de repercusión global

Pontevedra
07 de maio 2025
Actualizado: 26 de maio

A Deputación anima a toda a cidadanía e visitantes a desfrutar dunha Bienal que atraerá aos mellores artistas contemporáneos e exhibirá obras de arte de multitude de países

Presentación da imaxe e a campaña de promoción da Bienal de Arte Deputación de Pontevedra

A fachada do Pazo Provincial amosa dende este mércores a imaxe institucional da trixésimo segunda edición da Bienal de Arte de Pontevedra.

A imaxe promocional da Bienal de Arte tamén está visible en múltiples soportes publicitarios repartidos pola cidade de Pontevedra.

Baixo o lema A Arte Volve, preséntase tamén unha campaña que "ten unha estética moi moderna, cunha Deputación moderna, un Museo de Pontevedra moderno e unha Bienal moderna", segundo sinalou o vicepresidente e responsable do Museo e da Bienal, Rafa Domínguez que compareceu xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, neste acto de presentación nas escaleiras da sede principal da administración provincial e coa presenza do equipo artístico responsable de organizar este evento cultural.

Presentación da imaxe e a campaña de promoción da Bienal de Arte

Luis López destacou que o goberno provincial recupera este ano a Bienal despois de 16 anos de ausencia e remarcou a transcendencia que terá.

A Bienal comezará no mes de xuño e está chamada a consolidar á provincia como unha "potencia cultural".

O mandatario provincial destacou que este evento avanza na estratexia de "descentralización" da programación cultural posta en marcha polo executivo da Deputación "unha perspectiva que estamos implantando e está a funcionar", dixo Luis López. Así a Bienal tamén terá actividades en outros concellos como Vigo, O Grove, Sanxenxo e Ponteareas dentro da sección de "Artes Vivas".

"Somos unha potencia cultural e aí a Bienal xoga un papel clave, non só nesta edición do 2025 senón en todas as futuras que se celebrarán", proclamou o presidente provincial.

Presentación da imaxe e a campaña de promoción da Bienal de Arte   Pablo Ajuria / Brais Porto

Nas súas declaracións, Luis López insistiu no pulo que a Deputación está a dar á programación cultural da provincia a través doutras iniciativas como os recentemente presentados Rías Baixas Film Fest, os festivais de música de verán Rías Baixas Fest ou programas como o +Escénicas, que espalla por toda a provincia o mellor teatro e danza de Galicia.

Unha vez presentada a imaxe da Bienal a Deputación irá anunciando os artistas que participarán nela.

Luis López y Rafa Domínguez     Pablo Ajuria / Brais Porto

Luis López tamén recoñeceu o traballo que están a realizar todas as persoas implicadas na organización da Bienal que supón "un dos maiores retos que está a afrontar o Museo de Pontevedra en canto á organización e os recursos".

Neste punto, o vicepresidente Rafa Domínguez indicou que o investimento que realizará a Deputación para a recuperación da Bienal de Arte estará próximo ao 1,6 millóns de euros. "Un orzamento moi proporcionado", dixo Rafa Domíngue tendo en conta que "traemos obras de arte de doce países do mundo, artistas que veñen aquí a facer as súas obras in situ, que é algo que son fan as bienais de moita importancia", salientou o dirixente, quen puxo en valor a participación, entre os máis de sesenta artistas convidados, dun dos de maior prestixio do mundo como Hans Haacke.

O vicepresidente lembrou que ademáis de ser un evento para o desfrute da cidadanía, a Bienal tamén é "un espazo para a reflexión, para pensar na actualidade e avanzar no pensamento de toda a sociedade", explicou Domínguez.

Por último, presidente e vicepresidente convidaron de novo a toda a provincia e as persoas que visiten as Rías Baixas a participar na programación deste evento cultural para que "se deixen impactar pola Bienal", un evento que consolida á cidade e á provincia como "eixo cultural".

Arquivado en