O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial "nunha semana cargada de importantes avances e moitos recursos para esta provincia", contretamente 3,8 millóns de euros para cultura, deporte e investimentos en concellos.
Entre o máis destacado, a Deputación de Pontevedra saca a licitación o contrato para o transporte de obras e montaxe da Bienal de Arte, que conta cun orzamento total de 540.000 euros.
O contrato inclúe os traballos de embalaxe a transporte das obras desde os lugares de orixe ata as salas de exposición dos edificios Castelao e Sarmiento, de Santa Clara, do Pazo da Cultura e da Fundación Manuel Moldes, ademáis da desembalaxe e a asistencia dos artistas a instalación das obras e tamén os traballos de devolución das obras ao remate.
Ademáis, segundo detallou o presidente, aprobouse a relación de espectáculos programados dentro do circuito Máis Escénicas que conta cunha dotación de 195.000 euros para posibilitar 136 funcións de danza e teatro en 51 concellos de menos de 50.000 habitantes.
Nesta súa segunda edición desta iniciativa incrementouse o orzamento en 20.000 euros para que cada Concello poda acoller ata cinco funcións. Cada concello recibe ata 3.800 euros. O único que non solicitou foi Tomiño
Luis López tamén apuntou que neste eido cultural, o goberno provincial ven de aprobar achegas en réxime de concurrencia competitiva por un total de 300.000 euros para que entidades sen fin de lucro poidan realizar actividades culturais. Cada entidade podrá recibir ata un máximo de 2.500 euros e un máximo do 75 % da actividade obxecto de subvención.
Unhas axudas que se dividen en dúas líñas. A primeira, dotada de 250.000 euros para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, para festivais, mostras, encontros ou certames culturais e actividades de pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada. E unha segunda liña, con 50.000 euros, para participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais ou para intercambios culturais fóra de Galicia.
DEPORTE
O goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou hoxe as bases das axudas a clubes deportivos da provincia que participan en competicións de piraguismo (305.000 euros), remo (155.000 euros) e vela (90.000 euros).
Cada club pode recibir un máximo de 25.000 euros ou ata o 40% do orzamento. Son subvencionables os gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios.
EFICIENCIA ENERXÉTICA
A Deputación de Pontevedra destinará 930.000 euros a iluminación sostible coa renovación das instalacións de alumeado exterior nos concellos de Cuntis, Dozón, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Tomiño.
"Con esta actuación estimamos que se levaría a cabo un aforro do 74 % de enerxía", dixo Luis López. Trátase dun proxecto que está cofinanciado con 85 % de fondos Next Generation e o 15 % restante repártese entre Deputación (8%) e concellos (7%).
Tamén foron aprobadas as habituais dotacións do Plan +Provincia 2015 que, nesta ocasión, ascenden a 1,3 millóns de euros e que beneficiarán a sete concellos. Son 480.000 euros para O Grove e Tomiño que completarán o finanzamento dos seus respectivos proxectos que xa contan con recursos do Plan Extra.
Mentras que Cambados, Gondomar, Meaño e O Porriño, recibirán un total de 725.000 euros para diversos investimentos e Vilagarcía vaise beneficiar de preto de 125.000 euros para realizar actividades culturais, deportivas e sociais.
Por último, foron adxudicados os 67 obradoiros do programa +Reto Dixital en 23 concellos da provincia, "para formar aos nosos maiores no emprego de aplicacións do banco, sanitarias e, en xeral, saber desenvolverse no mundo tecnolóxico", explicou o mandatario provincial. E tamén foi aprobado o expediente para adxudicar as obras de reposición de firme nun tramo de 600 metros na estrada provincial EP-1003 Rodeira-A Boubeta, en Cangas, cun orzamento de 150.000 euros.