As Cantareiras de Barro de Arén foron este ano as grandes protagonistas da conmemoración do Día das Letras Galegas en Cerdedo-Cotobade.
Neste ano no que a Real Academia Galega decidiu recoñecer as cantareiras e a poesía popular oral, en Cerdedo-Cotobade decidiron organizar un acto para homenaxear estas cantareiras locais.
Celebrado no Centro Cultural de Cerdedo, e conducido por Rubén Troitiño, o evento foi unha exaltación do papel que estas mulleres xogaron en Galicia para manter vivo o patrimonio inmaterial das cantigas populares galegas ata os nosos días.
O acto, celebrado na véspera do Día das Letras Galegas, comezou cunhas palabras de benvida do alcalde, Jorge Cubela, para logo proxectar un vídeo sobre as Cantareiras de Barro de Arén.
Posteriormente, o Concello entregou un ramo de flores ás familias destas mulleres que durante moitos anos mantiveron viva e acesa a chama das cantigas populares galegas na contorna.
O evento contou tamén coa actuación dos grupos folclóricos do municipio: Os Trazantes de Tenorio, Os Afoutes do Canon de Pau, Os Abrentes de Cerdedo, as Pandereteiras de Quireza e o Grupo Foula.
O Concello entregou a todos estes grupos un diploma de agradecemento e acreditativo da súa participación no acto.
Jorge Cubela salientou a importancia que estas mulleres tiveron na conservación e posta en valor da música popular e tradicional galega e o "gran mérito" de manter vivo o patrimonio inmaterial das cantigas.
A cita rematou con pinchos.