Cantos na Maré ábrese a máis estilos e novos públicos cun renovado festival

Pontevedra
20 de setembro 2018

Teresa Salgueiro, Chico César, Capicúa, Eva RapDiva, Wöyza, Throes & The Shine, Selma Uamusse, Bia Ferreira, Coladera e Mário Lúcio son algúns dos artistas que acompañarán a Uxía, directora artística do festival, no inicio desta nova etapa

Presentación do festival Cantos na Maré 2018 Mónica Patxot

Coa mesma filosofía cultural pero cun espírito completamente renovado. Así regresa Cantos a Maré a Pontevedra, tras ano e medio de descanso. A súa décimo cuarta edición, que se celebrará entre os días 11 e 14 de outubro, supón unha nova etapa para o festival que se abre a máis estilos, sons e culturas en busca de novos públicos.

O festival, que amplía a súa duración a catro días, expandirase por diferentes espazos da cidade, combinando concertos de pago e gratuítos con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos, segundo desvelaron os seus organizadores na presentación.

Sen abandonar a idea de conectar Galicia con outras culturas lusófonas, Cantos na Maré reorientase, segundo a directora artística, Uxía Senlle, para "atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos".

Así, coa música como "gran nexo de conexión", o festival apostará por unha maior "diversidade" con música de raíz, sons urbanos ou voces corais e polifónicas, sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.

Teresa Salgueiro, unha das grandes figuras da música portuguesa e exvocalista de Madredeus, o brasileiro Chico César, un dos "fundadores" do festival, ou a galega Mercedes Peón, que presentará en Pontevedra o seu quinto disco, ou a mozambiqueña Selma Uamusse, serán algúns dos artistas que se subirán ao escenario de Cantos na Maré.

Entre os artistas xa confirmados atópanse tamén a brasileira Bia Ferreira, as rapeiras portuguesas Capicúa e Eva RapDiva, que actuarán xunto á viguesa Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine, unha banda portuguesa- angoleña; o proxecto Coladera, liderado polo brasileiro Marcos Suzano; ou o poeta e músico caboverdiano Mário Lúcio.

Ademais, tamén actuará a Cesaria Évora Orchestra, unha banda de Cabo Verde formada por músicos que acompañaron a esta gran artista no últimos dez anos da súa carreira.

A clausura do festival, o domingo 14 de outubro, será cun espectáculo no que participarán varios destes artistas e cun proxecto moi especial chegado desde a localidade portuguesa de Évora. Trátase de Ath-Thurda, no que estarán Kepa Junkera ou os músicos lusos Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade.

En próximos días, Cantos na Maré confirmará o resto do seu cartel e do programa de actividades paralelas, que incluirán sesións de cinema, talleres para nenos ou iniciativas formativas para músicos e para o público en xeral.