Cheo absoluto no arranque dun FICBueu que levanta o pano coa estrea de 'Romería'

Bueu
06 de setembro 2025
Actualizado: 15 de outubro

No pase da película, que está preseleccionada para representar a España nos Premios Oscar, estiveron dous dos seus actores: o ferrolán Alberto Gracia e a viguesa Marina Troncoso

Inauguración do FICBueu 2025 FICBueu - Prolight Estudio

Cun Centro Social do Mar a rebordar. Así comezou a décimo oitava edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBueu, que arrancou coa proxección do filme Romería, de Carla Simón, rodado o ano pasado nas Rías Baixas.

No pase da película, que está preseleccionada para representar a España nos Premios Oscar, estiveron dous dos seus actores: o ferrolán Alberto Gracia e a viguesa Marina Troncoso.

O festival comezou cunha curiosa proposta. Seis minutos escoitando unha canción coa pantalla en negro, sen ningún outro estímulo. Quixo ser, segundo o seu director, Manuel Pena, "un desafío ante a voracidade e necesidade de estímulos constantes" que hai na sociedade.

Na súa intervención posterior, na que tivo un recordo para Pepe Mujica e na que condenou o xenocidio de Israel sobre o pobo palestino, Pena defendeu o valor do cine para que o público poida conectar "con realidades que non temos ao alcance da man".

"Nos axuda a coñecer mellor o que está a pasar no mundo, estando moito máis pretos da verdade a través das e dos artistas que dos medios de comunicación", engadiu.

Alberto Gracia e Marina Troncoso na inauguración do FICBueu 2025FICBueu - Prolight Estudio

A este respecto, o director do FICBueu recordou que cada sesión do festival "nos convida a viaxar a través de cinco miradas, miradas radicalmente distintas, que reflicten con gran diversidade moitas das problemáticas máis latentes na sociedade actual".

Antes de poder ver a película Romería, o público puido gozar coa actuación en directo do grupo Furanchology, un trío galego de psych-soul jazz instrumental.

Cun repertorio formado por composicións propias, a música de Furanchology parte principalmente do rock psicodélico e o jazz eléctrico dos anos 60 e 70 para fusionarse con estilos como o soul, o funk, o punk ou a cumbia.

ENCONTROS TEMÁTICOS SOBRE MÚSICA E CINEMA

Despois desta xornada inaugural do venres, o Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará na vila ata o próximo 20 de setembro, dedicaralle todo o sábado a varios encontros relacionados coa temática “música e cinema”.

Unha das actividades serán os "Diálogos sobre a composición". Son tres mesas nas que compositoras e compositores de bandas sonoras conversarán por parellas sobre cuestións relacionadas con este tema, combinando un perfil experimentado cun perfil máis novel. 

Os seus protagonistas serán Alicia Morote e Gustavo Gill para falar sobre como comezar a compoñer e os procesos da creación da canción dentro do cine; Iván M. Lacámara e Mara Villavicencio, que se centrarán no aspecto máis tecnolóxico, sintetizadores e hibridación sonora; e Alberto Torres e Gabi Martínez, que aboradarán o deseño sonoro e o guión musical.

Inauguración do FICBueu 2025FICBueu - Prolight Estudio

A continuación Ana Pffaf (montadora) e Ernest Pipó (compositor) reflexionarán sobre os procesos de traballo conxunto no filme Romería de Carla Simón, nunha sesión na que se dialogará co público sobre a importancia das sinerxías entre ambas disciplinas. 

Como outra das actividades destas Xornadas Cinematográficas, o crítico de cinema Diego Salgado impartirá unha clase maxistral na que propoñerá unha viaxe polos aportes das compositoras á historia da música de cine.

E, por último, o especialista en música de cine Conrado Xalabarder analizará a importancia do son e da música no cinema do director David Lynch. O encontro pechará coa proxección de The Grandmother (1970), unha das primeiras curtas dirixidas polo cineasta.