A Fundación Manuel Moldes será unha das trece sedes da Bienal de Pontevedra

Pontevedra
21 de maio 2025
Actualizado: 19 de xuño

Así o confirmou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, nunha visita a esta fundación, asegurando que para a organización "é moi importante que o nome de Moldes se incorpore ao da bienal"

Visita de Rafa Domínguez á Fundación Manuel Moldes Deputación de Pontevedra

A sede da Fundación Manuel Moldes en Pontevedra, situada no edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, será un dos trece escenarios nos que se desenvolverá a Bienal de Pontevedra.

Así o confirmou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, nunha visita a esta fundación, asegurando que para a organización "é moi importante que o nome de Moldes se incorpore ao da bienal".

Domínguez agradeceu o traballo da Fundación Manuel Moldes "por manter e dar a coñecer o nome dun artista eterno" e tamén por "só poñer facilidades" no proceso de recuperación deste importante evento cultural despois de quince anos de ausencia.

O dirixente provincial salientou a "máxima implicación" de todas as partes coa Bienal de Pontevedra, porque recoñeceu que "traer 600 obras de 60 artistas de 30 países a trece sedes distintas ten unha gran complexidade".

"Estamos solucionándoo todo para facer de Pontevedra un destino cultural e sen o apoio de tanta xente sería imposible", afirmou Rafa Domínguez.

A este respecto, a Deputación concederá unha achega de 6.000 euros á Fundación Manuel Moldes que será un "primeiro paso" na colaboración entre as dúas entidades "para que fortaleza a cultura e o nome dun artista tan importante como Moldes".

Arquivado en