"Un mundo libre non se constrúe con mentiras e nunca será dono de seu un pobo sometido á ignorancia", escribiu en 2012 a xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Ese fragmento de 'Morgana en Esmelle', unha das súas obras máis emblemáticas e editada dous anos antes da súa morte, é o que destacou a Real Academia Galega (RAG) como mostra dun legado "brillante e sedutor" no literario e "desafiante" no intelectual.
Nas súas novelas, a outra é 'Circe ou o pracer do azul' (2009), reescribiu dous dos grandes mitos da cultura occidental, dándolles voz ás mulleres silenciadas, e tiña previsto pechar a súa triloxía cun título sobre Sherezade, a narradora de 'As mil e unhas noites'.
Pero non puido escribir esa historia. Morreu cando acababa de cumprir os 50 anos, só cinco despois dun debut literario "tardío e pleno" e que, segundo a RAG, se caracterizou pola "insurrección alegre" do feminismo que vertebra a súa biografía e a súa obra.
Así o destacaron o poeta Ana Romaní, amiga e compañeira súa na Radio Galega, a escritora Marilar Aleixandre e o seu editor, Víctor F. Freixanes, que glosaron a súa figura no pleno extraordinario que a RAG celebrou este domingo no Teatro Principal de Santiago.
As novelas de Caamaño, á que lembrou como unha "bomba de enerxía e alegría", son segundo Freixanes "obras de madurez" que foron construídas desde a sabedoría dunha escritora "que levaba moitos anos formándose e preparándose para ese momento".
Esa madurez, indicou o seu editor, "dáballe unha forza especial" e nos seus textos a lingua galega "alentaba dunha maneira distinta e evocadora", ao ser a escritora "consciente" da súa significación e do seu valor e póndoa "ao servizo do relato que nos conta".
Nas súas obras, en palabras de Marilar Aleixandre, a narradora trasladou o seu pensamento feminista aos mitos sobre os que ía "desescribindo", logrando nas súas dúas novelas "zurcir con fío violeta linguas cortadas" para que as mulleres "contasen as súas propias historias".
"Begoña Caamaño apropiouse dous mitos, gregos e artúricos, e foi zurcindo nos lugares en branco, na tea rachada da que desapareceran as mulleres, as súas voces e as súas historias", subliñou a escritora, rompendo esas historias "en canal".
Foi unha filosofía que levou máis aló da literatura, lembrou Aleixandre, xa que "levou sempre despregadas as velas" da rebeldía, da defensa da liberdade, da denuncia das inxustizas ou do compromiso co galego e o feminismo.
Porque "antes que escritora foi xornalista", engadiu Ana Romaní, que lembrou que Caamaño atopou no xornalismo "o lugar para a interrogación máis exposta ao exterior" e tentou facer del un "instrumento para un mundo mellor".
Coa súa voz, sostivo a que foi a súa biógrafa, "tocou ao público" buscando ferramentas para "saber quen somos e que sociedade queremos ser" e proclamando o seu feminismo, apostando por uns medios públicos "que nos faga máis sabias e libres".
"A radio de Begoña Caamaño colectiviza o pensamento. Afástase de lugares comúns, propicia a apertura, atende a complexidade, acentúa a diversidade, o que difire", sentenciou, reflexionado que "no actual estrondo de desinformación, sorprende a actualidade do seu discurso".
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, pechou esta sesión extraordinaria cunha intervención na que, ademais de exaltar o legado literario de Begoña Caamaño, quixo lanzar unha mensaxe sobre o momento crucial en que se atopa o galego.
"Compromiso, activismo, alegría, agarimo: iso precisa o noso idioma", sinalou Monteagudo, que puxo o exemplo da propia Caamaño, criada en castelán en Vigo e que se fixo neofalante en galego cando aínda era moi nova.
O académico sostivo que a actitude da cidadanía cara ao galego é "máis positiva e proactiva que nunca", aínda que advertiu que se necesita un "imprescindible" impulso político para avanzar cara á súa normalización e afastalo de "liortas partidistas".