Gemma Ruiz Palà: "As mulleres non temos data de caducidade. Dicir iso é un descaro e unha desvergoña"

Pontevedra
16 de abril 2026

A xornalista e escritora catalá presentou na Libraría Paz de Pontevedra a súa nova novela, 'Una mujer de tu edad', un canto á liberdade e á vida da muller madura

Gemma Ruiz Palà, autora de 'Una mujer de tu edad', na Libraría Paz

Un día, a protagonista de Una mujer de tu idade di basta. Despois de anos cumprindo co papel que se esperaba dela -esposa exemplar, nai abnegada, ilusións gardadas nun baúl- decide que a segunda metade da súa vida será radicalmente distinta.

Ese é o punto de partida da cuarta novela da xornalista e escritora Gemma Ruiz Palà (Sabadell, 1975), unha historia de desexo, rebeldía e alegría que celebra a plenitude e o poder das mulleres que fan da menopausa a súa mellor rebelión.

Sobre este libro, que presentou na Libraría Paz de Pontevedra, fala nesta entrevista con PontevedraViva. "Creo que a máis dunha voulle a dar ideas", subliña a autora, que reivindica máis espazo na ficción para as mulleres de mediana idade.

En Una mujer de tu edad, dás voz a mulleres que adoitan quedar fóra do foco. Que che impulsou a centrarte nelas?

Eu sempre digo que os malestares ou as picadas persoais sempre son colectivos. Hai un par de anos, indo cara á cincuentena, deime conta de algo que se estaba tamén comentando no colectivo.

Refírome a esa pouca vergoña de que as películas nos ensinaron a namorarnos, dixéronnos como relacionarnos emocionalmente, educáronnos persoal e socialmente… e chega un momento en que as mulleres desaparecen do mapa.

Quixen contribuír a abrir a conversación acerca da menopausa e do dobre raseiro do envellecemento, sexa a persoa un home ou sexa a persoa unha muller. Claramente non se está correspondendo a ficción actual coa realidade das mulleres maiores.

Están a protagonizar un cambio histórico. Nunca antes tantas mulleres de 50 cara a adiante tiveron unhas vidas con tanta plenitude a todos os niveis. Son as que enchen os teatros, os clubs de lectura, os cines, as exposicións…

Que isto non teña reflexo nas ficcións e que as ficcións nos continúen pintando como a vella dos gatos, ou a tía ou a nai da noiva e non como protagonistas de pleno dereito pois me parece que é un desaxuste que se ten que liquidar.

A novela arranca cunha decisión radical: unha muller que di "basta" e abandona o papel que desempeñou durante anos. Decide tomar as rendas da súa vida e deixar á súa familia para salvarse a si mesma, non?

Chega un momento en que se non miras para ti, estás a ser neglixente con esta misión que tes que é facer o mellor coa vida que che deron. Ás veces, ou moitas veces, é moi difícil de facer, o de mirarnos cara a unha mesma, sobre todo as mulleres.

Nos homes viuse como algo totalmente natural. O que é xenio tense que encerrar no seu escritorio e facer as súas xenialidades. Xa poden chorar dez nenos de fame e de sono que el non ten por que atendelos.

Gustábame ver iso. Que pasa cando unha artista se ten que comer a vocación que ten porque ten que estar para toda a familia e para todo o mundo antes que para ela mesma. Ata que un día di, oes creo que esta milonga non a compro máis.

Gemma Ruiz Palà, autora de 'Una mujer de tu edad', en Libraríaa PazCristina Saiz

E para unha muller como Kate, a protagonista Una mujer de tu edad, que é máis difícil? Tomar esa decisión por ela mesma ou pola súa familia?

Eu creo que é un pouco de todo. Para tomar decisións tes que ter unha conciencia sobre a túa situación e uns privilexios. Empezando pola independencia económica. Que o sistema onde estás inscrita che permita saír ou non.

Por unha banda está a autoconciencia e, por outro, as posibilidades reais para saír de alí. Cantas mulleres están en situación de violencia machista na súa casa pero non teñen onde ir? E non é que non o vexan, é que non poden dar ningún paso. Hai un pouco de todo.

Até que punto esta historia cuestiona directamente o mito da "boa nai"? Interesábache abordar esa cuestión?

Moitas autoras, desde que a muller irrompeu na literatura dunha maneira tan visible e tan necesaria, xa o viñeron facendo. Esta nai ten as súas cousas. Xa basta de entronizalas, de subilas a un pedestal que, ao final, tamén é como unha prisión.

Expós a maternidade como un lugar tamén de asfixia. Cres que aínda hai un tabú forte en dicir isto en voz alta?

Díxose xa moito, pero si. É necesario que vexamos ás mulleres coas súas imperfeccións. Se non, non vemos mulleres. Vemos clichés.

A protagonista recupera o seu desexo -vital e sexual- nunha idade na que socialmente se espera o contrario. Estamos preparados como sociedade para falar diso sen eufemismos ou segue sendo provocador?

Temos que deixar de ser unha sociedade infantilizada, que se cree mentiras tan antibiolóxicas como que, coa idade, a muller perde capacidade sexual e o home mantena, cando eles home sen a pastilla azul, nada.

O clítoris é un órgano que só está nos corpos de mulleres para dar pracer, teñas ou non parella. Como sociedade temos que decidir se queremos continuar crendo que os nenos veñen de París ou que as mulleres non teñen sexualidade.

Gemma Ruiz Palà, autora de 'Una mujer de tu edad', en Libraríaa PazCristina Saiz

Ou que chegada certa idade as mulleres deixan de ser desexables…

Pero iso quen o dixo? Con que obxectivo? Díxoo o sistema patriarcal para sacarse de encima ás mulleres de mediana idade. Por que? Porque son mulleres que carrexan unha experiencia e quitáronse de encima moitos complexos. Son moi perigosas. A estigmatización vén moi ben ao sistema. Non é casual

Cres que a sociedade segue tendo unha mirada limitada ou estereotipada sobre as mulleres a partir de certa idade?

Si. Basicamente, non se reflicte a variedade, a complexidade e a vitalidade da que gozan moitas das nosas coetáneas. A ficción non está a recoller a vida real das mulleres. Kate tiña que ser estadounidense por influencia diso.

Hollywood explicounos como ser novos. Eu quixen dar a cara B dese Hollywood. Kate ten o seu reflexo en mulleres que coñecín en clubs de lectura. Están desatadas, din as cousas polo seu nome. Falta que a ficción as vexa como son en realidade.

Consideras que se o protagonista fose un home esta historia leríase como unha crise creativa lexítima en lugar dun abandono?

Totalmente. As crises de mediana idade dos homes están ultra representadas na ficción. Todos nos apiadamos dese pobre home que está nunha crise. Pero das resurreccións femininas apenas se fala. Esa é un pouco a idea deste libro.

Expós a menopausa non como declive, senón como unha forma de rebelión. Dirías que o libro busca reescribir ese relato cultural?

É o que che dicía. Cando tes toda a experiencia e moitos menos complexos, todo se aclara máis. Esas mulleres empezan a decidir cousas e facer cousas que antes, polos complexos, os medos, o acatar ou os mandatos sociais, non puideran facer.

Gemma Ruiz Palà, autora de 'Una mujer de tu edad', en Libraríaa PazCristina Saiz

Kate namora dun mozo moito máis novo que ela e ten que enfrontarse ás miradas de reproche. Por que non pasa -ou pasa menos- cando sucede ao revés?

As relacións interxeneracionais tamén responden a ese dobre rasero tan cruel e tan indesexable. As ficcións sobre un home maior e unha moza nova vistas agora dan un pouco de grima, pero nolas comemos de maneira acrítica.

En cambio, ao revés estiveron, historicamente e culturalmente, xulgadas de maneira negativa e castigadas moi severamente. Hai moitos máis casos dos que parece. Pero se viven na clandestinidade porque aínda existe ese estigma.

Estamos en 2026. Que di iso da nosa sociedade? Que parece que se teñan que esconder coma se fora pederastia. Ou sexa, isto é moi forte. Cando son dous adultos, unha relación de ti a ti e sen coaccións. Isto dá moito que pensar.

Preocúpache que quen lea este libro non poida reconciliarse do todo coa protagonista?

A verdade é que non. Ao contrario. Creo que moita xente, se non o quere facer ou non o fará, polo menos pensouno. Son decisións moi recoñecibles en conversacións que todos e todas tivemos cando chegamos a un punto de hastío cun certo tipo de vida. Creo que a máis dunha voulle a dar ideas.

A Bienal de Venecia aparece na historia como un espazo de consagración, pero tamén de redescubrimento persoal. Que simboliza ese escenario dentro da viaxe de Kate?

Quería metela nesa contorna. A arte contemporánea é moi cruel coas mulleres. A arte axúdanos a vivir. Cando non te ves reflectida ou cando si che ves e esa mirada cara a ti non é como obxecto senón como suxeito, cambian moito as cousas. Quería pór iso en valor.

O humor está presente en toda a novela. Que papel xoga na túa forma de narrar historias como esta?

Quería que a historia non tivese ton lastimeiro ou victimista. A menopausa ten uns signos que hai que tomarse un pouco a guasa. Supéranse. E quería pintar a Kate como unha muller moi vital, cunha relación moi libre coa comida. Niso ás mulleres tamén nos fiscalizaron moito.

Se tiveses que elixir, prefires que o teu libro acompañe ou que incomode?

As dúas cousas porque, se cadra, a incomodidade logo acompáñate uns días e pensas cousas. Paréceme que incomodar con algo que fas é bo.

Escribir este libro foi, en si mesmo, un xesto político?

Si. Xa abonda de pensar que as mulleres temos data de caducidade. Porque ademais, xa maiores, é cando moitas fixeron as achegas máis importantes das súas carreiras. Ese desperdicio humano é un descaro e unha desvergoña.

Despois de escribir esta novela, dirías que cambiaches a túa propia mirada sobre o que significa empezar de novo na segunda metade da vida?

Un pouco si. Eu tamén teño os meus prexuízos e os meus medos. Porme na situación de alguén dez anos maior que eu e ver a vida con outra perspectiva, deume como un pouco máis de tranquilidade. Non se ve tan negro todo ao final.