Xa se coñecen os horarios de SonRías Baixas 2026

Bueu
23 de xullo 2026

O evento, que reunirá artistas como La M.O.D.A., La Pegatina, Zahara, Biznaga ou Veintiuno, encara a conta atrás coa venda dos últimos abonos e entradas de día

Sábado en SonRías Baixas 2025

SonRías Baixas xa ten todo preparado para a súa conta atrás definitiva. O festival, que celebrará a súa 23ª edición no recinto das Lagoas de Bueu entre o 30 de xullo e o 1 de agosto, fixo públicos este xoves os horarios completos das tres xornadas, permitindo que os asistentes comecen a organizar unha fin de semana que combinará rock, indie, electrónica e propostas emerxentes.

A programación arrancará o xoves 30 de xullo coa actuación de Duendeneta Dilleis na Zona Gastro, antes da apertura do escenario principal, polo que pasarán Veintiuno, Juventude e Alcalá Norte. A primeira noite pecharase coa sesión de Hoonine, que levará ao festival unha proposta centrada na electrónica, o house e o synthpop.

O venres estará marcado pola alternancia entre as guitarras e os ritmos electrónicos. EME DJ será a encargada de poñer banda sonora á Zona Gastro durante a tarde, nunha xornada na que tamén actuarán Ulex, Chiquita Movida, Rager, Barry B, Sobrezero e Ultraligera. Na recta final da noite collerá o relevo Kike Varela, antes de que Zahara presente o seu espectáculo Rave, unha proposta inmersiva inspirada na música techno coa que se despedirá a segunda xornada.

O sábado chegará unha das citas máis agardadas da edición. A actividade volverá comezar coa animación musical de Duendeneta Dilleis na Zona Gastro e continuará cos concertos de Alizza, Biznaga e Gara Durán. Xa entrada a noite será a quenda de La M.O.D.A., Mr. Kilombo e La Pegatina, mentres que os mexicanos Sonido Gallo Negro e NDLR protagonizarán o peche da edición, que se prolongará ata as tres da madrugada.

Co cartel e os horarios xa pechados, o festival mantén á venda os últimos abonos e as entradas de día a través da súa páxina web e da plataforma Enterticket.

Horarios SonRías Baixas

SonRías Baixas chega a esta nova edición despois dun 2025 histórico, no que bateu o seu récord de asistencia e impacto económico. Segundo os datos facilitados pola organización, o evento xerou un retorno de 3,1 millóns de euros para a comarca e contribuíu á creación de preto dun milleiro de empregos directos, reforzando o seu peso como un dos grandes dinamizadores culturais, turísticos e económicos das Rías Baixas.

A ese balance súmase o recente recoñecemento internacional recibido nos Iberian Festival Awards 2026, onde o certame obtivo tres distincións: o premio á Mellor Fotografía de Festival, concedido por segundo ano consecutivo a Javier Bragado, ademais dos galardóns á Contribución á Sustentabilidade e á Mellor Acollida ao Público, que destacan tanto o seu compromiso ambiental como a experiencia que ofrece aos asistentes.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora