James Rhodes chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra o domingo 19 de maio

Pontevedra
20 de febreiro 2019

A confirmación do afamado pianista no ciclo Voices era a única pendente logo de ter anunciado a presencia de Luísa Sobral o 13 de abril e Lila Downs o 21 de xuño

James Rhodes
James Rhodes / José Gutiérrez

James Rhodes chegará ao Pazo da Cultura de Pontevedra o domingo 19 de maio ás 20:30 horas, logo de esgotar as entradas para as actuacións de Santiago de Compostela (1 de marzo no Auditorio de Galicia) e A Coruña (2 de marzo no Teatro Colón).

O seu nome pasa a ser a terceira confirmación de Voices e unha das máis agardadas polo carácter sorpresa da mesma, xa que en decembro comezou a venda de abonos sen aínda coñecerse quen completaría xunto a Luísa Sobral (13 de abril) e Lila Downs (21 de xuño) o programa do ciclo.

Na liña do proxecto de achegar artistas que transcenden o ámbito musical, con discurso propio, comprometidos coa cultura e socialmente, subirá ao escenario do Pazo da Cultura este afamado pianista que se converteu en mediático -ademais de polo seu talento- por abanderar a protección do menor e a loita contra os abusos sexuais na infancia.

Na súa xira de 2019, onde ademais de tocar e contextualizar as obras que interpreta, o pianista británico tamén nos conta sobre o escenario, entre pezas de Bach, Chopin ou Beethoven, a historia da súa vida e de como a música axudouno a superar os numerosos obstáculos que se foi atopando polo camiño.

Este mércores ás 12:00 horas comeza a venda anticipada en Ataquilla.com e a Casa da Luz a partir de 24 euros. De non esgotarse previamente, o prezo na billeteira será de 28 euros. Tamén continúan á venda os abonos para os tres concertos do ciclo por 58 euros.