Esgotadas as entradas para o concerto de James Rhodes, que este domingo visitou Pontevedra

Pontevedra
03 de marzo 2019

O pianista pedía este sábado a través da súa conta en Twitter suxerencias para pasar un día e unha noite en Pontevedra. O concelleiro Alberto Oubiña invitouno a camiñar pola cidade e a xornalista Diana López lamentou que non estivera xa o sábado para asistir ao foro 'As mulleres que opinan son perigosas'

James Rhodes no concerto ofrecido na Coruña
James Rhodes no concerto ofrecido na Coruña / Redes sociais de James Rhodes

James Rhodes, o singular e popular pianista, xa ten vendidas todas as entradas para o seu concerto o 19 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra dentro do Ciclo Voices. 

E para coñecer con antelación a cidade do Lérez, o músico británico pasou a xornada deste domingo en Pontevedra aproveitando o día de descanso despois das súas actuacións o venres en Santiago de Compostela e o sábado na Coruña. Precisamente, o músico lanzaba esta pregunta na súa conta de Twitter desde A Coruña: "Mañana tengo una día y noche libre en Pontevedra. Algunas buenas sugerencias?".

Os seus seguidores ofreceron decenas de aportacións. Entre elas atopábase a do concelleiro do equipo de goberno Alberto Oubiña que o invitaba a "camiñar, camiñar e camiñar" pola capital ao mesmo tempo que lle remitía o artigo publicado en The Guardian sobre o modelo de cidade de Pontevedra.

Outra das curiosas respostas foi a da xornalista Diana López, organizadora con Susana Pedreira do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', que lamentaba que James Rhodes non estivera ese mesmo sábado en Pontevedra para asistir a este Encontro feminista. Ante todas as opcións que se lle foron ofrecendo, o pianista mostrou o seu interese por visitar Combarro, en Poio.

Xa ao longo do domingo lanzou algunhas mensaxes nas redes sociais sobre a súa estancia na cidade. En concreto, indicou que se atopaba comendo en Ultramar, o restaurante de Pepe Vieira, situado no Museo de Pontevedra. E dese alí enviaba un chío sobre o pan "de los dioses" e outro compartido tamén en Instagram no que torcía a faciana ante o doce da sobremesa afirmando "la cara de la vergüenza. Dalky de Toblerone - chocolate, miel y almendras. Y nata".

Xa no hotel volveu chancear con outro tweet: "Qué diablos es esta cosa en el baño de mi hotel?" ao atoparse cun peine sobre o lavabo.