James Rhodes, unha mañá de "paz e harmonía perfecta" no centro penitenciario da Lama

Pontevedra
04 de marzo 2019

Din que a música traspasa fronteiras. Mesmo aínda que un deses muros sexa o dun cárcere. Comprobouno o pianista británico James Rhodes que, tras os seus dous concertos en Santiago e A Coruña, ofreceu un terceiro recital en Galicia. Foi na prisión da Lama

James Rhodes, no seu concerto no cárcere da Lama
James Rhodes, no seu concerto no cárcere da Lama /

Din que a música traspasa fronteiras. Mesmo aínda que un deses muros sexa o dun cárcere. Comprobouno o pianista británico James Rhodes que, tras os seus dous concertos en Santiago e A Coruña, ofreceu un terceiro recital en Galicia. Foi na prisión da Lama.

Rhodes protagonizou un recital gratuíto, só para internos e traballadores do centro penal e para as ONG que colaboran co Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM), que foi de onde partiu esta iniciativa.

Un grupo de 33 internos deste programa enviaron unha carta o pasado mes de decembro ao pianista para convidalo a dar este concerto no auditorio do centro. "Sorprenderache desde onde te escribimos", comezaba esa misiva.

O artista, segundo a dirección do centro, non tardou nin 24 horas en contestar a esta petición. "Encántame a idea", sinalou Rhodes, activista contra os abusos a menores.

Así, o concerto celebrouse este luns 4 de marzo. Pouco despois das nove da mañá, os internos do penal pontevedrés puideron gozar, entre outras pezas, do primeiro movemento da Sonata nº 15 de Beethoven, o scherzo nº2 de Chopin e a melodía de Orfeo e Eurídice de Gluck.

Foi ante un salón de actos a rebordar e un silencio absoluto que sorprendeu ao propio pianista. Hora e media "de paz e harmonía perfecta no medio de tanta tolemia", como os internos cualificaban a música de Rhodes na súa carta. 

A carta foi enviada tras a lectura conxunta no módulo do libro Instrumental do británico e sobre o que conversaron tras o concerto: sobre a infancia complicada de Rhodes e o seu traballo para "arranxar o que está roto por dentro".

Un dos internos preguntoulle sobre a sensibilidade creativa das persoas con enfermidades mentais. A resposta de James Rhodes foi que "todo o mundo ten moitas cousas dentro" e que para el a música é a mellor forma de sacalas, "a mellor maneira de escapar" coa súa soidade "eu e o meu piano".

"A creatividade é unha maneira de facer fronte aos problemas de saúde mental. Canta xente nesta prisión pode pintar, crear música e non temos nin idea?", destacou o pianista.

Por iso, Rhodes eloxiou o traballo do PAIEM que este ano cumpre dez anos da súa implantación no centro pontevedrés.

O programa, no que interveñen tanto sanitarios como profesionais de tratamento penal, pretende dar resposta ás necesidades en materia de saúde mental de internos e internas en centros penais.  

Os da Lama cumpriron esta mañá unha ilusión. Ou, como eles explicaban na súa misiva, parafraseando unha máxima de Rhodes: "existe unha posibilidade (maior do que crees) de que todo saia ben". Hoxe foi un deses días.

O propio James Rhodes compartiu a súa satisfacción por este concerto a través das súas redes sociais.