A asociación cultural Carracedo Fala revelou este domingo os detalles de dous fusilamentos acontecidos na parroquia caldense tras o golpe de Estado de xullo de 1936 contra a democracia republicana. Os datos foron trasladados aos participantes da primeira ruta histórica organizada polo colectivo, na que participaron arredor de 70 persoas.
O historiador e presidente da asociación, Javier Frieiro, explicou que no lugar do Rego do Forno apareceron en setembro de 1936 os corpos de dous descoñecidos, "un morto por hemorraxia interna e outro por disparo de arma de fogo". Estes casos súmanse aos seis asasinatos xa documentados no concello de Caldas sen xuízo nin sentenza previa.
Durante o percorrido tamén se reivindicou a figura de dous mestres comprometidos coa República: Pilar Poza e Agustín Álvarez, docentes das escolas unitarias de nenas e nenos respectivamente, que foron apartados pola súa ideoloxía de esquerdas tras o golpe militar.
Segundo explicaron os organizadores, estes educadores "simbolizaban ben o novo espírito daquel maxisterio dos anos 30, promocionando valores como a liberdade, o laicismo e impulsando novas metodoloxías de ensinanza".
A ruta comezou na Carballeira do cura, onde membros da directiva explicaron as orixes das festas patronais e a historia da igrexa e da Reitoral.
O percorrido continuou por outros puntos destacados como o leguario da N-550, a influenza do Camiño de Santiago ou a construción da Escola Infantil por parte da veciñanza nos anos 60.
O evento, que rematou cun pequeno petisco no local social, caracterizouse polo intercambio de anécdotas e datos entre os asistentes, moitos deles recuperados da memoria colectiva grazas a esta iniciativa cultural.
Ante o éxito da actividade, Carracedo Fala traballa xa na preparación doutras rutas que percorrerán diferentes puntos da parroquia que "aínda teñen moito que contar". Paralelamente, a asociación prepara o número 9 do seu boletín e a súa participación na Feira Tradicional de Caldas, que este ano se traslada do Xardín ao paseo da Tafona.