Luis Tosar pasea por Montero Ríos recreando a Barcelona dos anos 20

Pontevedra
28 de agosto 2017

O director da película, Dani de la Torre, destaca a comodidade para rodar en Pontevedra. O instituto Valle Inclán convértese nunha comisaría da policía de Barcelona onde non faltan media ducia de cabalos

Rodaxe de 'La sombra de la ley' en Montero Ríos PontevedraViva

Xente que cruza con chapeu e traxe, coches antigos, cámaras, luces e unha palabra: Acción! É a rodaxe da escena da chegada do personaxe de Luís Tosar, Anibal Uriarte, á comisaría de Policía de Barcelona. Pero a escena de 'La sombra de la ley', de Dani de la Torre ródase, entre outros sitios, en Pontevedra e a comisaría é o instituto Valle Inclán.

A produtora Enma Lustres de Vaca Films sinala que durante a semana pasada gravaron no interior do instituto, escenas que se poderán ver ao longo de 20 minutos neste segundo filme do director galego, tras 'El desconocido'. O paraninfo do centro converteuse nunha sala de reunións e diferentes aulas son espazos para os diferentes equipos desta produción: vestiario, maquillaxe, figuración...

E este luns e martes da última semana de agosto toca a quenda de gravar en exteriores, con planos de entrada e de saída de Luís Tosar da comisaria entre o balbordo da rúa e unha escena de cando recibe unha chamada na que lle alertan do atraco a un banco.

O instituto foi escollido como escenario de rodaxe despois de que o equipo de produción se documentara e vise outros edificios modernistas como a Facultade de Belas Artes, o Concello, a Deputación e a Delegación de Defensa. De entre todos, o que máis se axustaba ao que querían era o Valle Inclán onde nun dos seus patios interiores atópanse durante estes días seis cabalos, como os que empregaba a policía de principios do século XX. 

Dani de la Torre indica que mañá gravarán en Lourizán e mostrábase moi satisfeito co trato que están a recibir na cidade. "É moi cómoda, moi tranquila. A xente non dá a lata e é moi agradecida. Galicia en xeral, menos Santiago polo turismo, é moi cómoda para rodar, nada que ver con Barcelona", apuntaba o director de 'La sombra de la ley'.

O equipo técnico está formado por 100 profesionais e entre os figurantes e o elenco actoral, encabezado por Luís Tosar e Michelle Jenner, súmanse preto de 3.000 persoas

Este luns que amencía chuvioso obrigou a cambiar a ambientación dunha escena, segundo admite o propio director. "Queriamos facer unha toma con sol e despois tivemos que reformular todo e facelo con choiva. Pero a choiva é moi fermosa e case nos fixo un favor", sinala De la Torre.

Dani de la Torre: "Pontevedra é moi cómoda, moi tranquila. A xente non dá a tabarra e é moi agradecida"

O 12 de xullo comezaban este traballo que finalizará o 4 de setembro en Monforte, no Museo do Ferrocarril, onde rodarán un atraco a un tren para esta película que conta unha trama no medio de violentos enfrontamentos entre anarquistas e matóns coa actividade dos gangsters de fondo.

Durante este mediodía, a alcaldesa en funcións Carme da Silva e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, achegáronse para ver a gravación e saudar ao director, produtora e ao actor Luis Tosar. Deceas de persoas seguiron a filmación nos arredores da Alameda pontevedresa.