M Clan actuará nas festas de San Roque de Vilagarcía

O Salnés
05 de xuño 2022

A banda murciana ofrecerá un concerto de entrada libre o venres 19 de agosto no Parque da Xunqueira

M Clan nun concerto M Clan

Cancións como 'Carolina', 'Miedo' ou 'Llamando a la tierra' soarán nas festas de San Roque en Vilagarcía coa característica voz de Carlos Tarque á fronte de M Clan, que na súa actual xira recupera o formato eléctrico.

Esta banda foi comparada co rock intenso de grupos lendarios como Led Zeppelin ou The Black Crowes. Ao longo da súa ampla carreira colaboraron con numerosos artistas, algúns dos cales se sumaron ao concerto do seu 20 aniversario como Miguel Ríos, Bunbury ou El Drogas.

A cita está prevista para o venres 19 de agosto, segundo anuncia o goberno local de Vilagarcía de Arousa, no Parque da Xunqueira, con entrada libre. A veterana banda de rock español súmase a un cartel no que xa figuran o músico urbano Hens, que actuará o 12 de agosto; e a cantante e compositora chilena Mon Laferte.

Ademais, o Concello confirma tamén a actuación da orquestra New York na noite do 18 de agosto na Avenida de Mariña. Trátase dunha agrupación local que ofrece temas de estilos variados como cumbia, merengue ou bachata, para que todo o público baile.