Máis de 40 prazas dispoñibles na Escola da Banda de Música de Marín

Marín
29 de agosto 2025
Actualizado: 17:16

O prazo de inscripción estará aberto en liña ou presencialmente do 15 ata o 19 de setembro, con novidade de clases de Harmonía e Análise e a creación dun coro en caso de que haxa máis de 10 persoas interesadas

Estudantes da Escola da Banda de Música de Marín Banda de Música de Marín

A Escola da Banda de Música de Marín acaba de publicar a súa oferta de prazas para o curso 2025/26, cun total de máis de 40 postos dispoñibles en diversas disciplinas musicais e importantes novidades.

O prazo de inscrición abrirase o 15 de setembro e estenderase ata o día 19.

Como principal novidade, as persoas interesadas poderán inscribirse ás clases de música a través da páxina web da Banda de Música de Marín.

Tamén se habilitará un horario de oficina no local da Banda (rúa Jaime Janer s/n) entre as 17:00 e as 19:00 horas para quen prefira a modalidade presencial. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

Este curso, a Escola ofrecerá clases de Harmonía e Análise, unha materia "indispensable para o alumnado que queira reforzar os seus estudos no Grao Profesional e Superior de Música", segundo a organización. Para esta especialidade dispoñense de 5 prazas libres, 3 no nivel intermedio e 2 no avanzado.

Ademais, como outro dos grandes atractivos, abrirase a inscrición para Coro, unha nova especialidade que se creará no caso de haber 10 persoas interesadas.

A oferta formativa, dirixida a alumnado a partir dos 4 anos e sen límite de idade, inclúe prazas en instrumentos de vento madeira (2 en óboe e frauta, 3 en saxofón, 4 en clarinete), vento metal (1 en trombón, bombardino e tuba, 3 en trompeta e trompa), corda (3 en canto e violoncello, 4 en piano) e percusión (3 prazas).

Nas especialidades grupais, as clases de Música e Movemento contan con 9 prazas dispoñibles, 5 delas para rapazada de 4-5 anos e 6 para a de 5-6 anos.

O alumnado con coñecementos previos tamén poderá anotarse de balde na Banda Pequena ou na Banda de Música de Marín, agrupacións destinadas ao fomento das habilidades de interpretación musical en grupo.

As clases darán comezo o 1 de outubro e seguirán o calendario escolar establecido pola Xunta de Galicia, rematando o 26 de xuño co Concerto de Fin de Curso.

Na páxina web da Banda de Música de Marín están dispoñibles os prezos, descontos, duración das clases e horarios de cada especialidade.