A programación da Vila das Letras en Marín contará coa presenza dos escritores María Solar e Pedro Feijoo durante a fin de semana do 15 ao 17 de maio.
O evento, organizado polo Concello na Alameda marinense, inclúe coloquios, presentacións de libros, contacontos e obradoiros.
Pedro Feijoo intervirá o venres pola tarde para falar sobre a súa traxectoria e a súa obra máis recente, Onde nacen as bestas.
Pola súa banda, a xornalista e escritora María Solar presentará o seu libro As malas ideas.
O Concello informou de que estes son os primeiros nomes dunha programación que se completará nas vindeiras semanas.
O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, farase entrega do XXIII Premio de Poesía Concello de Marín.
O certame deste ano está dedicado á autora Begoña Caamaño, homenaxeada pola Real Academia Galega, e o Concello de Marín outorgará un galardón de 1.000 euros.
O prazo para a presentación de manuscritos a este certame permanece aberto ata o 4 de maio.
O xurado desta edición estará composto polos poetas Ismael Ramos, Tamara Andrés e Silvia Penas.
Ramos, que recentemente obtivo o premio O. Henry de relato, e Andrés, investigadora e tradutora, xa participaron en edicións anteriores. A autora Silvia Penas incorpórase este ano ao grupo encargado de avaliar as obras presentadas.