Miss Caffeina actuará o 29 de agosto na Festa do Mar de Combarro

Poio
17 de xullo 2025

Poio está ultimando os detalles dunha festa que apostará, de novo, por potenciar a orixe, a tradición e identidades mariñeiras cunha programación ampla, variada e para todos os públicos

Miss Caffeina Concello de Poio

Primeira confirmación para os concertos que formarán parte da programación da Festa do Mar, que se celebrará en Combarro, entre os días 28 e 31 de agosto.

Trátase da banda Miss Caffeina, que actuará en Poio o venres 29 de agosto, segundo confirmou este xoves o goberno municipal.

O grupo madrileño, unha das referencias da música indie nacional, ofrecerá un directo gratuíto e "extremadamente bailable", destaca o Concello, na Praza da Chousa.

Nel mesturarán temas novos con grandes éxitos como Merlí, Reina ou Mira como vuelo, que consolidaron a Miss Caffeina como unha das bandas máis destacadas do panorama musical, ou Cuando acabe el verano, elixida como a canción oficial de La Vuelta Ciclista a España en 2024.

Tras anunciar o ano pasado un parón despois de catro anos intensos de xira continuada, a banda trae unha nova proposta chea de enerxía e emoción.

Miss Caffeina está traballando xa no seu próximo álbum, Buenasuerte, que verá a luz en outubro, e que levará o seu son a novos niveis como só eles o saben facer.

Como punto de partida, xa se coñecen os primeiros singles deste novo traballo, Debería estar brillando e Argumento de mierda, uns temas que xa xeraron grande expectación tanto entre os seus fans como entre novos oíntes que se suman cada día ao seu universo sonoro.

Para a Festa do Mar de Combarro, o Concello de Poio volverá a apostar nesta edición por seguir potenciando a orixe, a tradición e identidade mariñeiras, cunha programación ampla, variada, de calidade e para todos os públicos que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.