A música en galego de The Rapants e Rebeliom do Inframundo, de balde en Soutomaior o sábado 12

Soutomaior
08 de xullo 2025
Actualizado: 18:14

Os ‘Concertos de Verán’ comezarán ás 21:30 horas cunha sesión DJ de La Duendeneta. Ás 22:00 dará inicio o concerto de The Rapants. Ás 00:00 será a quenda do grupo vigués Rebeliom do Inframundo

Concerto de The Rapants na Festa do Mar 2024

Este vindeiro sábado, 12 de xullo, dúas das bandas do momento de música en galego, The Rapants e Rebeliom do Inframundo, actuarán de balde en Soutomaior. 

Forman parte dos bautizados como 'Concertos de Verán' de Soutomaior e celebraranse no peirao de Arcade

Os ‘Concertos de Verán’ comezarán ás 21:30 horas cunha sesión DJ de La Duendeneta.

Ás 22:00 horas dará inicio o concerto de The Rapants, grupo orixinario de Muros que esta mesma semana encheu a explanada da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Ás 00:00 horas será a quenda do grupo vigués Rebeliom do Inframundo, con máis de 10 anos de experiencia e un habitual do panorama festivaleiro de Galicia.

O recinto dos concertos incorpora unha zona gastro para que as persoas asistentes poidan comer e beber sen ter que desprazarse do lugar das actuacións; así como unha serie de actividades complementarias que terán lugar durante o transcurso dos concertos.

'Concertos de Verán' de SoutomaiorConcello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que estes concertos son "unha nova mostra da aposta que fai o goberno local pola promoción e difusión de galego en todos os ámbitos" e demostran que "este goberno programa para os públicos de todas as idades e que ten en conta todos os gustos".

Lourenzo destaca que ter unha axenda de actividades "tan completa e extensa" como a de Soutomaior ao tempo que realizan "a maior cantidade de investimentos da historia" do concello é posible grazas a unha xestión económica que "rompe todas as previsións e que nos permite destinar os cartos dos nosos veciños e veciñas a mellorar a súa calidade de vida e que poidan desfrutar do mellor concello e dos mellores barrios posibles”.