Oito novas incorporacións anunciou este martes o festival PortAmérica para a súa edición de 2023, que se celebrará na Azucreira de Portas os días 13, 14 e 15 de xullo.
Dous dos seus grandes reclamos serán o concerto que ofrecerá o colombiano Sebastián Yatra, que pisará por primeira vez o festival; ou a actuación de Deluxe, o anterior proxecto musical de Xoel López, que volverá reunirse para reencontrarse de novo co público.
A eles sumaranse a arxentina Nicki Nicole, coñecida por temas como Mamichula ou Colacao; Guitarricadelafuente, un artista inquieto, folclórico e moderno que se deu a coñecer coa súa canción Guantanamera; ou Quique González, que celebra as súas vodas de prata na música.
O rock nacional, pola súa banda, estará representado por MClan, a banda murciana que mellor fusiona o blues, o soul, o rythm & blues e o hard rock máis setenteiro; ou Loquillo, un artista con máis de 45 anos sobre os escenarios.
Ortiga e Pili Pampín, que recentemente lanzaron xuntos o remix de O Galo, un dos temas máis recoñecidos da veterana artista galega, poñen o broche de ouro a estas novas confirmacións para o PortAmérica 2023.
NOVOS COCIÑEIROS PARA O SHOWROCKING
Ademais das novidades musicais, PortAmérica anunciou a incorporación de oito novos cociñeiros ao seu espazo gastronómico, o ShowRocking, que capitaneado por Pepe Solla volverá converterse no restaurante efémero máis grande e de maior calidade do mundo.
Así, cociñarán as súas tapas en Portas chefs da talla de Ángel León (Aponiente), David Abalo (La Radio), María Varela (A Parada das Bestas), Antonio Arrabal (Better Balance), Miguel Cobo (Cobo Estratos), Javi Estévez (La Tasquería) ou Chechu González (María de la O).
De Buenos Aires, por último, chegará o arxentino Tomás Kaliha (Mishiguene).