O pop de Nil Moliner soará en Pontevedra durante as Festas da Peregrina

Pontevedra
31 de maio 2024

Xa coñecemos o primeiro dos artistas que actuará este ano durante a semana grande das festas patronais de Pontevedra, as Festas da Peregrina. Trátase do catalán Nil Moliner, unha das novas referencias do pop español. Actuará na Praza de España o mércores 14 de agosto

Nil Moliner
Nil Moliner / Warner Music

Xa coñecemos o primeiro dos artistas que actuará este ano durante a semana grande das festas patronais de Pontevedra, as Festas da Peregrina. Trátase do catalán Nil Moliner, unha das novas referencias do pop español. Actuará na Praza de España o mércores 14 de agosto.

Así o anunciou o Concello a través das súas redes sociais, o método elixido este ano para ir debullando a programación de todas as Festas de Verán, que encherán de actividade as principais prazas da cidade durante os meses de xullo e agosto.

Con tres discos no mercado, Bailando en la batalla, Un secreto al que gritar e Lugar Paraíso, Nil Moliner é músico e compositor ou, como a el lle gusta dicir, "escribo cancións e ríome moito".

Foi artista revelación en 2020 tras o lanzamento do seu primeiro disco en solitario, co que alcanzou o Disco de Ouro, tras anos de carreira como cantante e guitarrista da banda de pop-rock catalán CyBee e varios sinxelos editados como solista.

Autor de temas como Soldadito de hierro, Mi Religión, Bailando e Libertad, Moliner é un dos solistas pop máis potentes do panorama estatal e fará cantar e saltar ao público co seu estilo musical, cargado de positivismo e bo rolo.

Durante a súa traxectoria colaborou ademais con numerosos artistas como Dani Fernández, Ana Mena, La Pegatina, Álvaro de Luna, Rayden, Mordo ou o colombiano Yera, que o situou nos postos máis altos das listas de éxitos.