Oliver Laxe impartirá un obradoiro no campus de Pontevedra da man de Novos Cinemas

Pontevedra
20 de febreiro 2017

"Correntes" desenvolverase en tres sesións nos meses de abril, maio e xuño na cidade de Pontevedra. As pezas que xurdan deste proxecto poderán verse durante a xornada inaugural da Edición 02 de Novos Cinemas

Olivier Laxe, cineasta Universidade de Vigo

Oliver Laxe recolle o testigo de Lois Patiño e impartirá un obradoiro para o alumnado do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo en colaboración co festival Novos Cinemas.

Levará o nome de "Correntes" e se desenvolverá en tres sesións nos próximos meses de abril, maio e xuño. A formación estará en todo momento supervisada e titorizada polo cineasta.

En "Correntes", o alumnado achegarase ao río Lérez, ao seu percorrido, á súa canle, ás súas correntes, ao seu caudal, ás súas beiras, a súa fauna e a súa flora, etc. Deste xeito, preténdese facer que os futuros realizadores conciban o cinema como unha ferramenta de descuberta, que aposten por unha praxe cinematográfica e poética e fomentar o desenvolvemento de procesos creativos orgánicos.

Continúa, deste xeito, a clara aposta de Novos Cinemas pola formación continua no eido audiovisual para todas as idades, establecéndose esta liña como un dos seus eixos fundamentais e expandindo as súas actividades máis aló dos límites temporais do festival.