As escenas cotiás de Pontevedra plasmadas nos cadros e obras do debuxante e pintor pontevedrés Carlos Sobrino Buhigas tomaron vida este sábado no Teatro Principal da man do grupo Os de Algures, que puxeron sobre o escenario un espectáculo etnográfico inédito no que máis de 60 persoas fomaron parte desa recreación e deron vida á figura do coñecido artista e, de paso, á memoria da Boa Vila.
'Carlos Sobrino na Memoria da Boa Vila' era o título baixo o que Os de Algures presentaba este espectáculo etnográfico e tamén o obxectivo principal que perseguían. Para logralo, levaron ao Teatro Principal unha combinación de música e teatro na que cobrou especial protagonismo un vestiario elaborado a propósito para a ocasión.
Un total de 52 traxes, 34 dos cales son fieis reproducións dos pintados nos cadros de Sobrino, trasladaron aos pontevedreses aos primeiros anos do século XX nos que o pintor retrataba a realidade pontevedresa e elaborou os famosos mosaicos e azulexos da Alameda pontevedresa con paisaxes e escenas rurais e urbanas.
Coa colaboración de 20 integrantes da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, Os de Algures reproduciron un total de 13 cadros costumistas de Sobrino e convertéronos na escusa perfecta para facer memoria. Unha coidada iluminación e a participación dos bailaríns do grupo Celme, o grupo Boa Vila, as pandereiteiras Antela, Cantigas e Frores e a agrupación de Marín Pousos dA Area completaron os ingredientes necesarios para render a merecida homenaxe á figura de Carlos Sobrino.