Do mesmo xeito que Antonio Fraguas, o autor homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas 2019, naceu e creceu nas terras da provincia, este xoves decenas de escolares participaron do inicio da Primavera das Letras que pon en marcha a Real Academia Galega (RAG).
Trátase dun proxecto web que, a través de material lúdico e didáctico sobre a vida de Fraguas, pretende que os escolares se acheguen á súa figura. A proposta presentábase ante a comunidade educativa de Cotobade no CEIP de Carballedo con presenza de estudantes do CEIP de Tenorio.
Durante este evento realizábase unha representación dramatizada sobre a vida de Antón Fraguas a cargo do alumnado. Ao acto asistían o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a académica Fina Casalderrey, ademais do presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Tamén se proxectaba un vídeo elaborado por estudantes de quinto e sexto de primaria con técnica stop motion.
Freixanes afirmou que desde a institución que preside "procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis". Nesta presentación tamén se atopaba presente o sobriño de Antón Fraguas, que insistiu no papel do profesorado e das familias para transmitir o legado da cultura ás novas xeracións.