O Auditorio Municipal de Ribadumia acollerá esta vindeira fin de semana dúas propostas culturais para todos os públicos, que combinan a música épica e a maxia, dentro da programación cultural do Concello.
O sábado 15 de marzo, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia (Agmc Ribadumia) ofrecerá o concerto "O señor dos aneis", mentres que na xornada seguinte a Maga Fani presentará o seu espectáculo "Igualdade, onde estás?". Ambas actividades terán entrada libre ata completar a capacidade do recinto.
O sábado, a partir das 20:00 horas, o Auditorio encherase das máxicas e recoñecidas melodías da triloxía cinematográfica "The Lord of the Rings", composta por Howard Shore.
A Agmc Ribadumia, unha banda con máis de 25 anos de historia e unha referencia na promoción da actividade musical no municipio, baixo a dirección de Adrián Pais Abuín, transportará o público ao universo épico de J.R.R. Tolkien.
O repertorio, que combina elementos de fantasía musical con arranxos propios da banda, será unha experiencia inmersiva para os amantes da saga e da música en xeral.
Xa o domingo 16, ás 19:00 horas, o escenario do Auditorio dará paso á maxia e a reflexión co espectáculo "Igualdade, onde estás?", da Maga Fani.
Esta actuación, enmarcada no programa +Escénicas da Deputación, combina ilusión, humor e mensaxes sociais.
A artista coruñesa ofrecerá unha proposta na que pretende romper estereotipos sociais dentro da súa liña creativa con montaxes contra a violencia de xénero, a prol da lingua e cultura galega, o humor saudable ou a defensa ambiental.