O escenario do Río Verbena e a explanada do Recinto Feiral viviron este sábado unha remuda xeneracional respecto da xornada inicial do venres na que, segundo a organización, esgotáronse as entradas.
Álvaro de Luna, Carlos Sadness e Nil Moliner foron as grandes estrelas do sábado no festival, artistas moito máis novos que os veteranos do día anterior que fixeron bailar a familias enteiras cunha significativa presenza de nenos.
A xornada abriuna o pontevedrés Javier Lago, seguido das actuacións de Mamasunción e Carla Lourdes e o indie-folk de Taïn, quentando motores para o que viña despois.
A primeira gran explosión de confeti chegou co catalán Nil Moliner que xa actuou o ano pasado polas festas da Peregrina, e demostrou ter ben tomado o pulso ao público pontevedrés que se entregou con entusiasmo ante o seu espectáculo.
Desde terras catalás tamén aterrou Malmö 040, co seu guitarreo xuvenil que acendeu ao persoal.
Pero o momento máis esperado fíxose realidade con Álvaro de Luna, que se marcou un concerto máis longo do previsto e ninguén se queixou. Os seus fans corearon a pulmón temas como "Juramento eterno de sal", "Levantaremos al sol" ou "Todo Contigo", mentres as emocións se desbordaban.
E por se fora pouco, Carlos Sadness subiuse ao escenario para seguir axitando corazóns co seu inconfundible estilo.
O broche final púxoo o arxentino Ysy A, que fixo tremer o Recinto co seu trap afiado, e DJ Sergio El Indio, que pechou o festival ao grande.