Darlle a seis artistas "o lugar que lles corresponde por dereito propio". Ese é o obxectivo, segundo os seus responsables, da exposición 'Outras historias posibles', que até o próximo 30 de maio o público pontevedrés poderá visitar no Café Moderno.
É unha mostra que promove unha mirada máis diversa sobre a arte contemporánea galego ao reivindicar as traxectorias de seis destacadas creadoras: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré.
'Outras historias posibles', que chega a Pontevedra no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, onde recibiu máis de 50.000 visitantes, recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos.
Son obras todas elas que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente, segundo explicou a comisaria da exposición, Susana Cendán.
As seis protagonistas son artistas que, tras nacer na década dos anos 50, despuntaron entre os anos 80 e 90 e que viviron nunha "situación de desvantaxe" cos seus colegas masculinos e que agora merecen "visibilidade, dignificación e significación".
Ser "consciente" do desprazamento que sufriron as creadoras naquela época foi, entre outras cousas, o que a animou a impulsar este proxecto expositivo, co que ademais busca ofrecer "referentes" ás novas xeracións de artistas.
"Estamos aquí grazas a todas as que traballaron antes neste sentido. Penso que é importante reivindicar o valor do feminismo nos tempos que corren, nos que parece que todo o conseguido tende a desvanecerse", sinalou a comisaria de 'Outras historias posibles'.
Todas as participantes nesta exposición aseguraron estar "encantadísimas" con esta proposta. "Es un aliciente para trabajar más", recoñeceu a pintora Anne Heyvaert, de orixe franca-belga pero residente en Galicia desde fai 40 anos.
A viguesa Laura Terré, pola súa banda, celebrou coincidir coas súas coetáneas, artistas que na súa época "no nos veíamos en el bosque de hombres" que as rodeaban e agradeceu a oportunidade que lles brindaron para "darle una nueva vida" ás súas obras.
Na súa inauguración, entre outras autoridades, participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que destacou que esta mostra "enriquece" a historia da arte ao dar "maior visibilidade" a artistas galegas ou conectadas con Galicia.
"É importante construír discursos integradores que dirixan a ollada cara ao talento de mulleres como as protagonistas deste proxecto", sinalou López Campos, que celebrou a "diversidade conceptual" que ofrecen as obras destas artistas.