Seis espectáculos en marzo no Auditorio de Afundación con Duato, Grandinetti e Artero encabezado o cartel

Pontevedra
28 de febreiro 2026

Están programadas catro obras de teatro, un monólogo de humor, teatro infantil e dous concertos tributo a Michael Jackson e Queen

Ana Duato e Darío Grandinetti Afundación

O Auditorio de Afundación en Pontevedra vivirá un mes de marzo intenso, cunha programación que mestura grandes nomes da escena, humor, teatro familiar e dous concertos tributo.

En total, seis espectáculos que prometen encher de vida o escenario e, en moitos casos, colgar o cartel de “entradas esgotadas”.

Un dos pratos fortes será La música, protagonizada por Ana Duato e Darío Grandinetti, que chega o venres 13 de marzo (20:30 horas). A obra, baseada nun texto de Marguerite Duras, mergúllase nas feridas dunha parella que se reencontra na véspera do divorcio.

"É unha obra que é de coitelo de serra. Pasa pola parella, o sexo, a paixón, o desexo, a infidelidade, os celos…", explicaba Duato tras a estrea.

Durante 70 minutos, o público asistirá a unha noite de hotel na que dous antigos amantes falan, rin, discuten e volven amarse con desesperación.

'La música' con Ana Duato e Darío Grandinetti  Afundación

Tamén dentro da Tempada de Abonos chega o 27 de marzo (20:30 horas) a versión teatral de Asesinato en el Orient Express, o clásico de Agatha Christie.

Con once intérpretes sobre o escenario e Juanjo Artero no papel de Hércules Poirot, a montaxe recrea o ambiente do mítico tren nos anos 30. Cun asasino aínda a bordo, o detective belga enfrontarase a un dos casos máis enigmáticos da súa carreira.

Juanjo Artero  Saga Producciones

O sábado 14 de marzo (20:30 horas) será a quenda do cómico Joaquín Pajarón, que presenta FilosoSidra.

Trátase dun monólogo sobre a vida cotiá contado desde a barra dun chigre asturiano, ese espazo onde todo se comenta e todo se arranxa “con humor, sidra e un pouco de repunancia”. Unha proposta fresca e directa para rir das pequenas e grandes cousas do día a día.

O domingo 15 de marzo será o momento dos máis pequenos, cunha nova adaptación teatral de Os tres porquiños, en dobre sesión (12:00 e 17:00 horas). A compañía Educateatro presenta un espectáculo con bonecos a tamaño real, cinco cancións en directo e novas personaxes, como Xan e Xiana, dous exploradores que se internan no bosque para coñecer os seus heroes de conto.

Pensado para nenos e nenas a partir dun ano, combina entretemento e aprendizaxe, reforzando conceptos como números, cores ou prendas de vestir.

'Os tres porquiños'  Educa Teatro Producións

A música terá tamén un papel destacado con dous concertos tributo. O 7 de marzo (21:00 horas) abrirá a programación Michael’s Legacy, unha homenaxe a Michael Jackson que recrea o espírito das súas xiras con voces e música en directo, oito bailaríns e unha coidada posta en escena.

Michael's Legacy. Tributo a Michael Jackson    Diego Torrado

Pechará o mes, o 29 de marzo (20:00 horas), Queen is Back, tributo á lendaria banda británica Queen. O espectáculo destaca pola fidelidade musical, a espectacularidade visual e unha caracterización impecable de Freddie Mercury, combinando grandes éxitos con xoias menos coñecidas.

Para algúns dos espectáculos xa quedan poucas entradas. As localidades dispoñibles poden adquirirse a través de Ataquilla.com. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora