Seres indóMITOs: Carmen Hermo

Pontevedra
14 de setembro 2025

Mito Meijón entrevista a Carmen Hermo, artista e profesora da Facultade de Belas Artes, nacida na Coruña e que leva anos residindo en Pontevedra da que se manifesta "profundamente namorada"

Carmen Hermo

Falar de Carmen Hermo é deterse nunha vida entregada á arte, pero tamén ás persoas. Artista en maiúsculas, Carmen ten a capacidade de transformar o cotián en poesía visual, de regalarnos coas súas obras unha linguaxe íntima e universal á vez. Pero máis aló do seu innegable talento creativo, está a amiga, a muller xenerosa e luminosa que sempre ten un xesto, unha palabra e unha aperta para quen o necesita. Carmen Hermo non só crea beleza: repártea na súa forma de vivir, de estar, de compartir. E esa é quizá a súa meirande obra, a que deixa pegada en quen temos a sorte de camiñar ao seu lado.

 

- Dime unha pregunta que non che gusta que fagan.

Ningunha, creo no diálogo como base de todo.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

De adolescencia. Son unha nena de barrio da Coruña, Montealto, que de súpeto se viu en Pontevedra. Ao principio botaba moitísimo de menos todo, ata o meu colexio, desde o que vía o mar, pero agora estou profundamente namorada de Pontevedra e paréceme unha cidade cun potencial incrible aínda por explorar.

- Como te definirías?

A unha mesma é difícil, traballadora, alegre, soñadora…

- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial?

Son da xeración do Baby-Boom, aínda que creo que navego entre elas con facilidade. Ao ser profesora e estar en contacto con xente nova adáptaste mellor.

- Que características ten a túa xeración?

Somos sobreviventes. Xogamos en parques que a día de hoxe serían impensables. Rompiamosnos ósos, faciamosnos cantidade de feridas…un pouco de auga… e a seguir!

- Como recibiches a invitación a participar na Bienal de Arte?

Sentinme moi halagada, con moita alegría e tamén un profundo sentimento de responsabilidade. Eu levo toda a miña vida traballando en distintas liñas artísticas, pero o reto da Bienal requiría repensar moito as cousas.

- Cantos proxectos descartaches antes de presentar a obra que se atopa en Santa Clara?

Toda a miña traxectoria, que se di rápido pero é moi complicado, pero decidín borrar o disco duro porque o espazo así o requiría. A miña peza está pensado por e para a Bienal, e dentro dela, para o espazo que ía ocupar, o altar de Santa Clara.

- Que proporción de xogo e azar interveñen no proceso creativo?

O xogo nada, porque aquí non hai normas. Ao contrario, o azar... todo. O impacto de pequenos feitos do día a día é incalculable no traballo dun artista. Mesmo diría que a obriga dos artistas é a de percibir ás pequenas cousas do día a día e nas que a maioría non recaen.

- Como levas a relación entre arte e intelixencia artificial?

Sigo pensando que hai que lidar con iso aínda que sinceramente creo que nos fai moito dano.

- Máis aló da Bienal, como ves o sector artístico en Pontevedra?

Moi mal. En Pontevedra non hai espazos nin unha aposta decidida para que os haxa. Non hai nin unha galería. Isto dificulta enormemente o desenvolvemento dunha carreira profesional en condicións mínimas. A pesar de que aquí se atope a única facultade de Belas Artes de todo o noroeste peninsular, unha Escola de Restauración, desenvólvese a Bienal máis antiga de España…a realidade é outra.

- Que é a amizade?

Lealdade. Un espazo no corazón.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Ao futuro sen dubidalo.

- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?

Fixen reformas hai pouco, asi que non teño ganas de máis leas (risas).

- Dime unha canción que che emocione.

Creep.

- Frío ou calor?

Calor.

- Que hai despois da vida?

Nin idea, nin teño curiosidade.

- O último capricho que te deches?

Unha cafeteira.

- Cando dixeches por última vez "quérote"? a quen?

A quen xa sabes, hai un intre.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

A miña amiga Toya.

- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?

Irme a casa a preparar a comida.

 

 

Para Carmen, Pontevedra sabe a pipas, cheira a algas, é de cor turquesa e soa a gaivotas e vento. Definitivamente, Carmen Hermo sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

 

Nunca saio de casa sen… lentes de sol.

Na miña neveira sempre hai… queixo.

No meu armario destaca… o negro.

A idade é…. un estado mental.

Sempre fun o ollo dereito de… ninguén.

Pontevedra ten alma de… paxaro.

Creo en… a humanidade.

O ano que marcou a miña vida foi… 2020.

O mellor agasallo que me poden facer é… todo.

O meu lugar no mundo é… mirando o horizonte sobre o mar.

Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… A Coruña.

O meu momento favorito do día é… a ducha matutina.

Pontevedra… guerrilleira.

 

Arquivado en