Seres indóMITOs: Gonzalo Martínez

Pontevedra
15 de xuño 2025

Entrevista de Mito Meijón ao presidente da Sociedad Filarmónica de Pontevedra, Gonzalo Martínez, pontevedrés amante da música, nado entre Santa María e o Concello

Gonzalo Martínez, presidente da Sociedad Filarmónica de Pontevedra

Hai persoas que non só aman a música, senón que a entenden como un compromiso vital. Gonzalo Martínez, presidente da Sociedade Filharmónica é unha delas. Nado en Pontevedra e fondamente namorado, como todos nós, da nosa cidade, leva anos traballando para que cada tempada a Sociedade Filharmónica sexa unha viaxe sonora que conecte á cidade co mellor do panorama clásico nacional e internacional. Paixón, legado e unha convicción firme: a música é un ben común que merece ser defendido.

 

− Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.

Á miña idade poden preguntarme calquera cousa.

− Como é a túa relación con Pontevedra?

Moi boa. Nacín entre Santa María e o Concello e desde entón vin como se foi transformando.

− Como te definirías?

Traballador, pacífico e autoesixente ata o punto de causarme algún problema de ansiedade.

− A que xeración pertences: baby-boom, X ou millennial?

Sen dúbida, baby-boom.

− Cales dirías que son as características da túa xeración?

Valoramos moito o legado que recibimos dos nosos pais que as pasaron canutas para que tivésemos unha vida mellor ca súa. Por iso a miña xeración sempre valorou moito a estabilidade.

− De onde vén a túa afección pola música?

Dos meus pais. A ambos gustáballes moito a música. O meu pai ademais foi membro e secretario da Polifónica, cargo que tamén ostentou na Filharmónica durante varios anos.

− E cando se produce a túa chegada á Sociedad Filarmónica?

Eu de novo cantei na Polifónica, e aínda que a voz non me permitiu seguir cantando, nunca me desvinculei do ambiente. Entrei primeiro como secretario e ao pouco de entrar, o presidente daquela xunta, Fontoira, renunciou ao cargo polo que eu pasei a ocupalo, e desde entón (2009) sigo na presidencia.

− Como é a xestión dunha sociedade musical nunha cidade como Pontevedra?

Atendendo ao tamaño da cidade e ao seu tecido social, se falamos de cantidade, a Sociedad Filarmónica ten unha masa social bastante considerable. Ademais, en canto á calidade, éncheme de orgullo poder dicir que Pontevedra ten un trato exquisito de respecto cara aos músicos e o seu traballo. É asombroso a cantidade de músicos que ao rematar os concertos nolo sinalan. Sempre nos comentan o moito que se aplaude en Pontevedra e tamén o moito que se respecta o silencio. Mesmo o antigo xestor da Sinfónica de Galicia comentábanolo sempre.

− E a parte económica?

Financiámonos case exclusivamente coas cotas dos socios-as. Coas mesmas sabemos que podemos organizar uns 12 concertos mínimo ao ano. Algunhas administracións tamén nos conceden algunha subvención por entidade cultural pero as cantidades apenas cobren os gastos de reprografía. Agora mesmo temos un problema e é que o espazo físico lastra a capacidade de crecemento da Sociedade, xa que organizamos a maioría de concertos no Teatro Principal, o cal practicamente xa enchemos cos socios que hai na actualidade.

− Pontevedra necesita máis espazos culturais?

Absolutamente. Necesitamos máis salas, e en boas condicións, e como mínimo un teatro para unhas 600-700 persoas no centro, porque se organizas algo no Pazo da Cultura sabes que a xente non vai ir. Sempre defendín que o edificio da antiga delegación de Facenda sería un bo sitio para crear un grande espazo cultural como o que unha capital como Pontevedra merece.

− Que é a amizade?

Un valor moi importante que leva implícito a xenerosidade, o amor...

− Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Dáme medo o descoñecido, polo que ao futuro teño claro que non e ao pasado...

− Frío ou calor?

Calor.

− Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen?

Son máis de dar apertas, pero á miña muller.

− A quen che gustaría ver nesta sección?

Pois a un bo amigo e pianista, Rafa Lago.

− E por último, que vas facer en canto remate esta entrevista?

Dar un paseo polo centro.

Para Gonzalo, Pontevedra sabe a pedra, cheira a néboa e mar, é de cor gris e castaño e soa a grasnidos de gaivota e berros de nenos. Definitivamente, Gonzalo Martínez sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

 

− Nunca saio da casa sen... carteira, lentes e un bolígrafo.

− Na miña neveira sempre hai... iogur natural.

− No meu armario destaca... a orde.

− A idade é... o paso do tempo.

− Sempre fun o ollo dereito de... ninguén.

− Pontevedra ten alma de... mariñeiro.

− Creo en... a xente, a pesar de todo.

− O ano que marcou a miña vida foi... 1977.

− O mellor agasallo que me poden facer é... un libro.

− O meu lugar no mundo é... seguir traballando pola música.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Santiago, sempre e cando non siga acumulando turistas.

− O meu momento favorito do día é... a partir das 7 da tarde.

− Pontevedra... acolledora.