O Armadiña Rock desvelou os tres primeiros nomes dos artistas e bandas que acudirán a Combarro para celebrar, os próximos días 24, 25 e 26 de agosto, a nova edición do festival Armadiña Rock, que este verán cumprirá o seu décimo aniversario.
A través das súas redes sociais, a organización do festival anunciou que Sés será unha das cabezas de cartel do Armadiña Rock 2018.
A cantautora chega a Combarro no medio dunha traxectoria fascinante que está a dar a coñecer o seu estilo e a súa forza artística por todo o mundo. Presentará en directo os temas do seu quinto traballo, Readmirando a condición, que é unha revisión do seu primeiro disco e que volveu a gravar para actualizar o seu son.
The Lázakans tamén estarán no Armadiña Rock. O público poderá gozar cos ritmos rockabillies, country, soul e swing desta banda galega que acaba de editar o seu terceiro disco, Sandwina, que mostra o son característico da banda, que abre o seu espectro blues aínda máis á música americana.
As primeiras confirmacións complétanse con Noite Fechada, grupo nado como eles mesmos destacan entre as cepas de Albariño e Tinto de Barrantes.
Empregan o ghallegho típico da súa zona para versionar coñecidos temas que sempre tiran cara o rock. Así a unha música facilmente identificable con temas de rock intégranlle unhas letras graciosas de vivencias e ocorrencias onde ao final o importante é rir e divertirse, festa en estado puro e rock bravú.