Entre o 22 e o 30 de xuño, o Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, acollerá a segunda edición de "Miúdo Teatro".
Trátase dunha proposta dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos que permitirá aos participantes converterse, durante unha semana, nos protagonistas da súa propia aventura teatral.
Nesta ocasión, a rapazada asumirá o reto de levar á escena unha adaptación de Romeo e Julieta, a célebre obra de William Shakespeare, creando para iso unha compañía teatral desde cero.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou este mércores a iniciativa acompañado da concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e do equipo encargado do proxecto.
Durante a presentación destacou o carácter participativo da experiencia, que busca achegar aos máis novos ao mundo do teatro desde dentro, facéndoos partícipes de todo o proceso creativo.
Máis aló da interpretación, os asistentes terán a oportunidade de coñecer os distintos ámbitos que forman parte dunha produción escénica.
Durante as sete sesións previstas, en horario de 9.30 a 13.30 horas, traballarán aspectos como a expresión corporal, a improvisación, a lectura e análise de textos dramáticos ou o funcionamento dos equipos artísticos e técnicos dunha compañía.
O programa tamén inclúe a elaboración da escenografía, o deseño do vestiario e da maquillaxe, a creación do cartel promocional da obra e os ensaios previos á representación final, que estará aberta ao público.
Tras a boa acollida da experiencia piloto celebrada o pasado ano, cando os participantes puxeron en escena Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, o Concello decidiu ampliar a oferta ata un máximo de 20 prazas.
Un dos aspectos centrais de "Miúdo Teatro" será o uso da lingua galega como vehículo de comunicación e expresión artística.
Ademais, a iniciativa pretende fomentar valores como a convivencia, a igualdade, o respecto e o traballo en equipo, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento das habilidades sociais e emocionais da rapazada.
A participación no campamento será gratuíta.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 8 de xuño e as solicitudes deberán enviarse ao correo electrónico cultura@concellopoio.org, indicando os datos persoais do menor e da persoa responsable.
Terán prioridade as familias empadroadas ou vinculadas ao municipio por razóns educativas ou laborais.