Mouchos e curuxas, sapos e bruxas, demos, trasgos e diaños… ao abrigo dunha aciñeira centenaria degusto o néctar dos deuses, o ouro dos romanos e a poción máxica dalgún druída galaico. Seguramente a queimada fixo o seu efecto e estou mergullada nun soño, adormecida polos efectos da bebida espirituosa, pero entón me belisco e percibo que estou esperta, máis esperta que nunca, ao acubillo da árbore centenaria que dá nome a esta serra e ao Parque Natural que a protexe: A Serra da Enciña da Lastra.
Néctar, ouro e poción máxica: mel, viño e aceite, produto do traballo e a sabedoría de tres artesáns, desas xentes que fan que Valdeorras sexa un lugar diferente, afastado do bulicio do turismo masivo pero amante da festa, do encontro cos amigos e da tradición, en definitiva un lugar máxico.
Estamos na esquina máis oriental de Ourense, case rozándonos con León e Zamora, descubrindo unha comarca marcada por unha arraigada cultura vitivinícola que forma parte do Xeodestino Trevinca-Valedorras, compartindo valores naturais, históricos e patrimoniais.
Valdeorras é moito máis que viño e natureza, é a auténtica descoñecida de Galicia, un tesouro aínda por descubrir que reloce entre ladeiras tapizadas de viñedos e frondosos bosques de carballos, castiñeiros e outras especies autóctonas, ademais de esconder un destacado patrimonio que se enaltece coa personalidade das súas xentes aínda afastadas da incesante corrente do turismo masivo.
A Ruta do Viño de Valdeorras é unha boa escusa para coñecer este lugar soñado e descubrir moitas das vilas da comarca, ou mesmo estender a visita a outras zonas próximas como A Veiga, onde se camiñamos polo bosque sorteando rochas e pequenas fervenzas verémonos fronte á lendaria Cántara da Moura, fogar dun fermoso ser mitolóxico que toma forma de muller de pel extraordinariamente branca e cabelos dourados.
Perdernos polos carreiros da Serra da Enciña da Lastra pode ser un excelente comezo para gozar soñando espertos de todas as sorpresas que promete esta estimulante viaxe, entre natureza exuberante e camiños sombreados por aciñeiras, oliveiras, castiñeiros e cerdeiras cargadas de pequenas xoias vermellas que non nos resistimos a probar.
Polo camiño as pedras fálannos, cóntannos historias de tradicións seculares, de antigos tesouros como os fornos de cal que aproveitaban a pedra calcaria, un recurso escaso no resto de Galicia onde practicamente todo o solo é granítico, para fabricar cal vivo moi demandado na construción ata mediados do século XX e mesmo usada para a fabricación de remedios contra certas enfermidades da vide, tan presente na comarca.
Pedras que son testemuñas de oficios milenarios dun patrimonio pétreo que aflora tras séculos de silencio salpicando os campos de vide, lagares rupestres que xa os romanos usaban para pisar a uva e obter o viño, o outro ouro de Valdeorras que non se recolle no Sil, pero que o lendario río moldea no seu aroma e sabor.
E precisamente guiados polo Sil, señor e dono destas terras, é como imos descubrindo pequenas aldeíñas, aldeas como Vilar de Silva e Cobas, albiscando de lonxe os tellados de lousa que encumbran as súas apiñadas casas de pedra de mampostería, con xanelas adinteladas en madeira, rebosantes de historia e tradición.
Logo en cada aldea, fronte unha lareira ao abrigo do frío outonal, ou á sombra dun castiñeiro en flor protexidos do sol na primavera, esas xentes únicas de Valdeorras regálannos historias que xulgamos incribles; din os maiores que na comarca hai covas escavadas que preservan antigos tesouros, tamén que hai un vello mosteiro que o paso do tempo converteu en adega e mesmo que hai santuarios que parecen máxicos, porque se ocultan ao abrigo da montaña, para logo reaparecer por sorpresa en cada curva dunha serpenteante estrada.
Entón, hai que porse en marcha para confirmar ou desmentir os máis vellos e sabios, así é como descubrimos algún deses lugares que gardan aínda máis encanto do imaxinable.
As Pinguelas é un deles, chégase desde o casco antigo da Rúa nun breve paseo baixo o remusmús dun refrescante arroio. Neste lugar pintoresco, ao abrigo de cerdeiras e nogueiras as cavidades naturais do terreo servían outrora para almacenar o viño e algúns dos apeiros necesarios para a colleita. Hoxe os adegueiros valdeorreses seguen cultivando e gardando ese tesouro mergullado en plena natureza, preservando a tradición dos seus devanceiros, sen desdeñar os avances tecnolóxicos que melloran a conservación do produto e en definitiva a sustentabilidade do sector.
Moi próximo a este lugar atópase Seadur, outra aldea que esconde decenas de tesouros baixo terra que afloran en forma de adegas-cova.
Pero de camiño decidimos perdernos por algunha das aldeíñas que salpican a comarca e sen perder de vista o fotoxénico encoro de San Martiño, ao que se asoman as máis privilexiadas adegas da zona, chegamos á aldea de Petín, onde a ponte romana-medieval da Cigarrosa recíbenos cos seus arcos bañados polo Sil dando paso logo a unhas intrincadas rúas cheas de tipicidade.
Despois seguimos ruta ata Seadur, lugar vitivinícola por excelencia, pois as súas covas ademais de elaborar algúns dos mellores caldos da comarca, presumen de estar declaradas Ben de Interese Cultural por preservar destacados valores históricos e culturais.
A localidade organiza anualmente en Semana Santa unha ruta na que se visitan moitas desas covas e degústanse os produtos típicos desta zona privilexiada, regados con viños tradicionais especialmente Godellos e Mencías, as dúas estrelas da Denominación de Orixe de Valdeorras.
Así comprobamos que en Valdeorras o tesouro oculto existe e toma forma de aromáticos viños, de uvas cultivadas en empinadas ladeiras que morren no Sil: treixadura, godello, garnacha, mencía…, cultivadas e traballadas con esmero en antigas covas.
Co sabor afroitado aínda refrescando o padal, partimos en busca do misterioso santuario perdéndonos a través de sinuosas estradas, ata divisar encaixadas no fondo do barranco e custodiadas pola montaña, as torres das Ermidas.
A medida que nos imos achegando a perspectiva cambia e con ela a nosa percepción do santuario que se nos antolla cada vez máis místico, lembrando as lendas que falan de milagres e de aparicións.
O frondoso bosque e o lago que o preceden anticipan a súa beleza e acrecentan o misterio agochando vellos muíños centenarios.
Logo reaparece a igrexa, unha xoia do barroco galego encaixada na rocha, arroupada por dúas torres monumentais que custodian un rico corpo escultórico no que algunhas figuras aínda conservan a súa antiga policromía. O interior alberga un estupendo retablo e un altar de prata acollendo a imaxe da Virxe das Ermidas. A bóveda do templo completa o conxunto, decorada con fermosas pinturas de gran simbolismo relixioso.
Ao abrigo do santuario, a aldea das Ermidas figura silenciosa ante a grandeza da paisaxe. Os seus habitantes gardan aínda a pegada de crenzas ancestrais conservando un Vía Crucis que ascende todo o máis elevado da vila, formando parte inseparable dalgunhas das súas casas.
A sensación de acougo que desprenden a aldea, o santuario e a montaña lévanos á fantasía, pero unha nube escurece o ceo anunciando tormenta, convidándonos a tomar o camiño de volta para recalar, en menos de media hora, noutro lugar lendario, onde pór fin á nosa ruta.
O Pazo do Castro é un fermoso edificio do século XVII, evocador dun pasado de cabaleiros e raíñas, de misterios e intrigas e para os máis impresionables mesmo de espíritos errantes. Visitamos os seus belos salóns ateigados de mobiliario antigo e ata un pequeno museo de carruaxes. Despois, vencidos polo cansazo ,deixámonos caer nun soño profundo, despreocupados xa da pouco esperable visita dalgún dos seus antigos habitantes.
Aquí finaliza a nosa viaxe de ilusión, degustamos os mellores viños e manxares, regresamos a un pasado afastado case esquecido e rozamos cos dedos o místico e o lendario, en definitiva descubrimos que en Valdeorras existe de todo e todo é posible, un lugar aínda por descubrir e sen dúbida por gozar.
Instagram de Marga Díaz: https://www.instagram.com/margadiaz.viajes/