Pontevedra volverá ofrecer aos afeccionados ao teatro os mellores espectáculos que se produciron recentemente en Galicia. A partir do próximo mes de outubro regresa o ciclo Ponteatro. O Teatro Principal será o escenario, por cuarto ano consecutivo, no que seis compañías galegas presentan as súas novas montaxes. A guinda será de novo dúas 'noites golfas' con obras máis gamberras e experimentais.
Ponteatro, segundo Anxos Riveiro é un ciclo que "trae a Pontevedra do mellor que se está a facer no país". A concelleira de Cultura sinalou que os datos de asistencia do pasado ano, unha media de 273 espectadores por sesión, demostra o éxito desta iniciativa cultural. "E estamos convencidos de que este ano vai a haber un nivel de aceptación similar ou aínda maior", destacou na súa presentación.
Todas as obras de Ponteatro programáronse para as nove da noite, salvo as sesións golfas que serán ás 23.59 horas dos venres. Son propostas "inmellorables", segundo a responsable de Cultura do Concello de Pontevedra.
A programación do ciclo Ponteatro é a seguinte:
- 6 de outubro: Os amores de Jacques o fatalista, de Producións Teatrais Excéntricas.
- 20 de outubro: Palabras malditas, de Teatro do Noroeste.
- 3 de novembro: Foucellas, de Talía Teatro.
- 17 de novembro: Get Back, de Eme2.
- 1 de decembro: O tolleito de Inishmaan, de CONTRAproducións.
- 15 de decembro: Eroski Paraíso, de Grupo Chévere.
Palabras malditas, Foucellas e Get Back terán ademais unha sesión concertada para escolares en horario matinal.
Os dous 'Venres Golfos' serán:
- 21 de outubro: Panamericana de A Panadaría.
- 25 de novembro: Listo para sentenza, de Triatreros.
Ambas as obras, segundo Anxos Riveiro, ofrecen un teatro "case experimental" e pensado para que os espectadores "se divirtan e participen nelas".
As entradas xa están á venda a través de www.ataquilla.com. Teñen un prezo de oito euros por espectáculo, aínda que tamén hai dispoñible un abono que, por 48 euros, permite acceder a todo o ciclo. Ademais, como xa é habitual na programación do Pazo da Cultura, haberá descontos para estudantes, parados e xubilados.