A quinta edición de Xeración Sónica xa está en marcha. A incubadora de grupos musicais pontevedresa abre o prazo, durante unha semana, para a recepción de solicitudes, a través da páxina web Apúntate do Concello, que frutificarán na creación de seis novas bandas. Os aspirantes, que deben ter entre 13 e 16 anos, participarán nunha audición previa, programada para o 13 de outubro, da que sairán os trinta novos alumnos que darán vida a seis novos proxectos.
"Imos camiño de ser o novo Liverpool", declarou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, parafraseando ao alcalde Lores. A urbe inglesa, lugar de nacemento dos Beattles, é coñecida por ser berce de grandes estrelas da música e, salvando as distancias, Pontevedra leva cinco anos apostando pola súa prolífica canteira musical. De Xeración Sónica saíron bandas que xa están integradas nos circuítos profesionais como Rebel Spirits ou Haku; e outras como Karonte, Vermes, Malo Será, Froalla ou Simsonhead, que van camiño diso.
Para este novo curso, desde Xeración Sónica buscan mozos da cidade que teñan afección e certa formación en música. De entre todos os aspirantes, os profesionais de Xeración Sónica realizarán unha selección da que sairán os integrantes das seis novas bandas. De feito, este ano o ciclo reiníciase porque catro das seis bandas que formaban parte desta incubadora completaron xa a súa formación. "Agardamos non deixar a ninguén fóra", confesa Violeta Mosquera, unha das mentoras que forma parte do equipo de Xeración Sónica. En total, serán seleccionados uns trinta novos músicos que, despois dunhas primeiras semanas de adaptación e dinámicas de grupo, iranse integrando nas novas bandas.
As novidades deste ano pasarán pola colaboración con streamers e o lanzamento de podcast para promocionar a actividade de Xeración Sónica, tamén tratarán de seguir avanzando na colaboración coa facultade de Ciencias da Comunicación para a gravación de videoclips co alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual. Do mesmo xeito, darase continuidade á realización de obradoiros formativos en Freeware para a dixitalización de temas e a produción musical. "Formar á mocidade en ferramentas abertas está a dar moi bos resultados porque lles permite acadar moita mais autonomia e non ser tan dependentes como eramos xeracions antigas á hora de gravar ou na produccion musical", destacou Violeta.
Doutra banda, o recompilatorio musical da cuarta edición de Xeración Sónica verá a luz moi pronto. Trátase dun traballo no que participaron todas as bandas do curso e no que "hai varios temazos", adiantou Violeta, moi orgullosa co traballo realizado.