25.000 euros "muy importantes" para o Poio Pescamar

Poio
26 de abril 2016

O club vermello asinou este martes o acordo de patrocinio coa Deputación para a presente tempada, destinado á actividade do primeiro equipo feminino que participa na Primeira División de fútbol sala. Supón un importante incremento con respecto á pasada campaña

Carmela Silva e Juanjo García firman o acordo de patrocinio entre Deputación e Poio FS PontevedraViva

Do mesmo xeito que outros clubs de elite da provincia, como Pontevedra e Teucro, o Poio Pescamar Fútbol Sala asinou este martes un acordo de patrocinio coa Deputación.

Ao contrario que a pasada campaña, cando se outorgaba unha subvención, nesta ocasión o acordo económico outórgase como patrocinio do primeiro equipo, que participa na Primeira División Feminina, máxima categoría nacional.

En total, a institución provincial achega 25.000 euros ao club vermello, unha cantidade "muy importante" para cadrar o orzamento do equipo, segundo recoñeceu o seu presidente, Juanjo García.

Esta cantidade supón un incremento de 5.000 euros con respecto ao percibido da Deputación o curso pasado.

A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou na firma do acordo que lle facía "especial ilusión" colaborar cun club que potencia o deporte feminino como o Poio Fútbol Sala. Ao acto acudiron tamén o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a deputada de Deportes, Chelo Besada.