A canteira da Gimnástica déixase ver en Oviedo e Calatayud

Pontevedra
16 de marzo 2016

Os atletas que forman parte da canteira da Sociedad Gimnástica de Pontevedra participaron nos Campionatos de España de pista cuberta e de campo a través celebrados en Oviedo e en Calatayud, respectivamente, destacando o papel de Jorge Puig, que axudou a conseguir á selección galega o título de Campión de España Júnior en campo a través

Marco Martínez e Pablo Tojal no Campionato de españa Cadete de pista cuberta Sociedad Gimnástica de Pontevedra

A familia que forma a canteira da Sociedad Gimnástica de Pontevedra realizou un bo papel nos Campionatos de España de pista cuberta cadete e de campo a través celebrados a pasada fin de semana en Oviedo e en Calatayud, respectivamente.

No Campionato de España de campo a través celebrado na localidade aragonesa de Calatayud destaca a participación de Jorge Puig, que coa súa décimo sexta posición axudou á selección galega na consecución do título de Campión de España Júnior por autonomías. 

O evento serviu para conmemorar os 100 anos deste campionato, celebrado por primeira vez en 1916. Xunto a Jorge competiron outros atletas da entidade lerezana como Rocío Rodríguez na categoría Promesa, Iván Docampo coa selección galega absoluta e Akka Essaadaoui, que axudaron a Galicia a alcanzar a undécima posición no ránking por autonomías.

Doutra banda, os atletas Marco Martínez e Pablo Tojal puideron gozar da súa primeira participación no Campionato de España Cadete de pista cuberta que tivo lugar en Oviedo. Foi notable a participación de Marco Martínez ao conseguir a sexta posición no seu terceiro intento na proba de salto de lonxitude. A continuación o atleta do equipo lerezano repetiu a sexta posición no salto de altura, debido aos dous nulos que fixo sobre os 1,72 metros. 

Pablo Tojal realizou un concurso limpo na proba de salto con pértega, superando as diferentes alturas ata quedar cunha marca de 3,36 que lle permitiu lograr a decimoprimera posición.