A carreira olímpica comeza en Trasona cun selectivo fratricida

Pontevedra
10 de abril 2023

Quince padeeiros pontevedreses participan esta semana nos Trials olímpicos organizados pola Real Federación Española de Piragüismo para repartir os billetes para a primeira cita mundial do ano, a Copa do Mundo de Szeged do 12 ao 14 de maio

Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo

Coa vista posta na primeira competición mundial do ano e a clasificación para París 2024 no horizonte, o encoro asturiano de Trasona acolle esta semana un dos selectivos nacionais máis competidos da historia na que o piragüismo pontevedrés tratará de seguir demostrando que é o máis potente de España.

A cita, prevista para os días 12, 13 e 14 de abril, podería sufrir algún aprazamento nas primeiras xornadas polo forte vento que soprará este mércores no campo de regatas do municipio de Corvera. 

A ampla delegación galega atópase xa en terras asturianas, entre eles figuran quince padeeiros da área de Pontevedra.

Aínda que moitos están alistados agora en equipos de fóra de Galicia, seguen moi ligados ao Lérez, ao encoro do Pontillón e ás rutinas de adestramento adquiridas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, polo que tratarán de ofrecer a súa mellor versión nun campionato que marcará tamén o nivel dos distintos centros de adestramento que a Real Federación Española de Piragüismo ten repartidos por diversos puntos da xeografía española, con Sevilla, Madrid, Baleares e Pontevedra como principais referencias. 

Será un selectivo fratricida no que está en xogo a clasificación para a primeira Copa do Mundo da tempada que terá lugar en Szeged (Hungría) entre o 12 e o 14 de maio. 

Unha das probas que se presentan máis disputadas polo elevado nivel dos contendentes será o C2 500 masculino, no que Adrián Sieiro e Joan Antoni Moreno parten como unha das duplas favoritas. Na final, tomarán a saída os irmáns Noel e Diego Domínguez, os pontevedreses Manuel Fontán e Pablo Graña e o tamén padeeiro local Pablo Crespo xunto ao seu compañeiro Hugo Pedrero. Un total de catro canoístas que adestran a diario nas instalacións do CGTD.

Tamén numerosa é a participación pontevedresa no C2 500 feminino. As pontevedresas Valeria Oliveira e Claudia Couto tratarán de dar a sorpresa ante parellas xa consolidadas como a da olímpica Antía Jácome e María Corbera ou a tamén lerezana Antía Otero e María Moreno. Unha modalidade na que o piragüismo pontevedrés, con catro representantes, está entre os favoritos. 

O K4 500, en cuxa final están incritos tres barcos, tamén ten acento galego, o que pon a tripulación formada pola medallista olímpica Teresa Portela e a prometedora padeeira do EP Ciudad de Pontevedra Carolina García, xunto a Sara Ouzande e Estefanía Fernández.

Divididas en dous, volverán probar sorte no K2 500. Neste caso, Portela competirá con Estefanía Fernández e Carolina, con Sara Ouzande.

Opcións de medalla e de lograr o pase á cita mundial haberá tamén nas probas individuais. No C1 1000, proba que se estrea como modalidade olímpica en París, estarán seis deportistas asentados en Pontevedra: os irmáns Domínguez. Martín Jácome, Pablo Crespo, David Barreiro e Jaime Duro. 

No cadro feminino, probarán sorte en solitario Valeria Oliveira, Antía Otero, Claudia Couto e Antía Jácome no C1 200, mentres que no K1 500 tamén o tentarán Teresa Portela e Carolina García.