A choiva e a carga de partidos elevan a preocupación polo céspede de Pasarón

Pontevedra
21 de novembro 2018

A pesar dos esforzos realizados nos últimos meses desde o Pontevedra temen que os próximos encontros, entre Copa Federación e Liga, fagan empeorar de maneira importante un terreo de xogo que a pasada tempada xa viviu momentos moi delicados condicionando o xogo do equipo

Estado de Pasarón horas antes de recibir na Copa RFEF o Langreo PontevedraViva

A historia repítese. Chega o mal tempo e con el crece a preocupación no Pontevedra Club de Fútbol polo estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón.

A pesar dos esforzos, traducidos en tempo e recursos económicos, investidos nos últimos meses en mellorar e conservar o terreo de xogo a chegada da choiva e o cargado do calendario, con cinco dos sete próximos encontros de liga a disputar na casa unido á Copa Federación, fan temer en revivir as escenas do pasado inverno, cando mesmo se chegaron a disputar encontros oficiais do torneo copeiro no campo de Mosteiro.

"Evidentemente sí que nos preocupa, si hoy lo dejamos mal al final el partido del domingo va a estar cindicionado por el terreno de juego", recoñeceu este mércores Luismi tras a sesión de adestramento e só unhas horas antes de enfrontarse ao Langreo en Copa RFEF.

A pesar diso o técnico non quere lamentarse e asegura que "es el campo que tenemos y tenemos que adaptarno a él, lamentarnos o buscar excusas no nos sirve de nada".

Ademais do  Langreo, no próximo mes de competición os granates recibirán en Pasarón a Coruxo (25 de novembro), Unión Adarve (9 de decembro) e Las Palmas B (16 de decembro), e empezará o ano con outros dous encontros consecutivos no seu estadio ante Real Madrid Castilla (6 de xaneiro) e Unionistas (13 de xaneiro).

ARRUABARRENA APUNTA AO PARTIDO DE LIGA

O regreso aos adestramentos do Pontevedra tras a súa habitual xornada de descanso dos martes deixou boas noticias para o equipo, xa que a enfermería baléirase e só Álex Fernández é baixa segura por lesión.

A evolución de Mikel Arruabarrena "va bien", avanza Luismi a pesar de que non completou a sesión para traballar na súa recuperación co fisioterapueta do club, Manu Barros, polo que apunta ao choque do próximo domingo ante o Coruxo, para o que espera estar dispoñible. Os que si estiveron co grupo foron Álex González e Berrocal, que comezaran a semana con senllos golpes.