A cuarta tempada o Poio Pescamar na elite arrancará o 10 de setembro en Pamplona

Poio
20 de xullo 2016

As vermella debutarán na liga na cancha do UDC Txantrea de Pamplona, segundo establece o sorteo da competición feito público pola Federación Española de Fútbol. O primeiro partido na casa, o 17 de setembro cun derbi galego ante o Ourense CF

Charo celebra o primeiro gol do Poio Pescamar sobre o Majadahonda na Seca Diego Torrado

O novo proxecto do Poio Pescamar, de novo con Marcio Santos á fronte da nave vermella, xa coñece o camiño que se atopará no que é o seu cuarto ano na Primeira División Feminina de fútbol sala.

O cadro pontevedrés debutará na liga o día 10 de setembro, pero farao lonxe de Galicia visitanto a cancha do UDC Txantrea de Pamplona.

Unha semana despois, o 17 de setembro, o pavillón da Seca acollerá o seu primeiro encontro da tempada cun derbi galego ante o Ourense CF.

O tradicional parón da competición, a final de ano, chegará despois da xornada 12, na que o Poio recibirá ao Majadahonda (26 de novembro). Tras ese encontro non se retomará a liga na máxima categoría ata o 7 de xaneiro, data na que deberán visitar a pista do UCAM Murcia.

Pola súa banda a última xornada, fixada para o 3 de xuño, deparou un enfrontamento entre o Poio Pescamar e o FSF Rioxa na Seca.

Consulta aquí o calendario completo da competición.

DESPEDIDA DE CLAUDIA

Despois de desvincularse do equipo, Claudia, despediuse do que foi o seu club cunha emotiva carta.

A xogadora múdase a Madrid por "unha oportunidade formativa e laboral" e xogará nun dos grandes da categoría, o Futsi Atlético Féminas.

"Cheguei con 15 anos sendo a mascota do equipo e voume con 21 sendo case a nai", sinalou a futbolista, que chegou a ser internacional absoluta vestindo a camiseta vermella nunha etapa que cualificou de "soño" por xogar "ao máximo nivel defendendo a camiseta que sentes".