O Leis Pontevedra Feminino avanza, tras dúas semanas de adestramentos, na súa preparación para a tempada que está a punto de comezar e na que volverá competir na Segunda División Nacional.
A liga comezará o día 4 de outubro coa visita ao Pavillón Municipal do Soto del Real madrileño, un dos favoritos ao título, pero antes Jacobo Estors deberá tomar unha importante decisión.
Tras a fusión co Marcón FSF o técnico traballa con máis de 30 xogadoras, contando coa práctica totalidade do plantel da pasada tempada, as futbolistas procedentes do Marcón e as fichaxes. Todas elas compiten polas 16 fichas dispoñibles no primeiro equipo.
O posto está caro e por iso o traballo está a ser intenso para as futbolistas, que deberán demostrar o seu bo facer en compromisos de pretempada como a Copa Xunta, na que o Leis se enfrontará ao Ourense Envialia a domicilio e ao Poio Fútbol Sala na casa en datas aínda por confirmar.
Ademais das 16 fichas en Segunda División o club inscribirá un equipo en Autonómica con 12 xogadoras e outro en Provincial Feminina, tamén con 12 xogadoras.