A Epic Race Pontevedra queda na casa

Pontevedra
12 de setembro 2017

O equipo pontevedrés Ponte1Reto conseguiu gañar a Epic Race na categoría de equipos de 4 compoñentes e tamén a categoría individual. A proba tivo que ser recortada nunha das oito etapas previstas por un erro no sistema GPS dos participantes

Juan Hernández entra na meta tras completar en solitario a Epic Race Ponte1Reto

A primeira edición da Epic Race Pontevedra BTT, celebrada sen decanso durante a fin de semana por diferentes montañas da provincia, tivo claro acento local.

O equipo pontevedrés de Ponte1Reto fíxose coa vitoria na categoría individual por medio de Juan Hernández, e tamén se coroou na categoría de equipos de catro compoñentes, con Fran Valiñas, Manuel Caramés 'Fallolli', Diego Oliveira e Ramón Mella.

Hernández foi o único dos seis corredores que afrontaba a proba en solitario que logrou chegar á liña de meta despois de 44 horas e 57 minutos de esforzo titánico, mentres os seus compañeiros de equipo conseguiron na súa categoría un tempo de 38 horas e 2 minutos.

Finalmente foron preto de 500 os quilómetros de percorrido, día e noite. con 13.500 metros de desnivel acumulado positivo xa que a organización tivo que neutralizar unha das oito etapas previstas.

Viuse obrigada a tomar esta decisión ao detectar un fallo na lectura do 'track' por parte dalgúns dispositivos GPS, o que facía perigoso camiñar por pistas forestais en plena noite. Foi concretamente na etapa que transcorría entre Vila de Cruces e Cerdedo.

Consulta aquí as clasificacións completas da primeira Epic Race e tamén na modalidade de Half Epic Race.